A Xunta pon en marcha este luns a cuarta e última fase do Plan de entrada dos autobuses interurbanos ao centro da Coruña

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Dom, 27/05/2018 - 00:32 / Etiquetas: Xunta de Galicia, Autobús interurbano

 

A Xunta de Galicia pon en marcha este luns, día 28 de maio, a cuarta e última fase do Plan de entrada dos autobuses interurbanos ao centro da Coruña. Deste xeito, complétase unha iniciativa que resposta á demanda dos veciños da comarca, fomenta o uso do transporte público e reforza o papel da cidade como centro de actividade económica, comercial e social.

Nesta cuarta, e última fase do Plan, se integran 7 liñas, con 40 expedicións de entrada diaria, das que se benefician directamente 420.000 viaxeiros ao ano.Coa entrada da 4ª fase, a Xunta cumpre o seu obxectivo de que a totalidade do Plan de accesibilidade dos buses interurbanos ao centro estea operativo antes do verán, pese a resposta negativa do Goberno municipal da Coruña, á proposta de unificar as dúas últimas fases, na comisión de seguimento do Plan, celebrada o pasado mes de abril.

A primeira fase implantouse o pasado mes de novembro, favorecendo o acceso dos autobuses ao centro da Coruña dun total de 12 liñas de autobús, chegadas principalmente dos concellos de Oleiros, Sada, Culleredo, Cambre e Bergondo. A segunda, que entrou en funcionamento no mes de xaneiro, propiciou o acceso de 17 liñas procedentes, na súa maioría, dos concellos de Arteixo, Culleredo, A Laracha, Carballo, Oleiros, e tamén liñas que entra polo corredor leste e que pasan por Cambre Curtis, Abegondo e Oza-Cesuras.

Coa terceira fase, que comezou o 30 de abril, os usuarios das 8 liñas procedentes dos concellos de Carral, Cambre e Culleredo xa están realizando  paradas no núcleo da cidade. E nesta derradeira fase se incorporan 7 liñas de autobús dos corredores leste e centro,  favorecendo os veciños procedentes dos concellos de Curtis, Oza-Cesuras, Miño, Betanzos, Bergondo, Cambre, Oleiros, Ordes, Carral e Culleredo.

A entrada dos autobuses ao centro enmárcase no Plan de transporte metropolitano da Xunta de Galicia na Coruña, renovado o pasado mes de abril co acordo unánime de todos os concellos e cunha achega autonómica de 3,8 millóns de euros para 2019.