ABANCA e a Federación de Libreiros de Galicia impulsan o crédito ao pequeno comercio

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 10/07/2018 - 10:40 / Etiquetas: abanca, Librerías

ABANCA e a Federación de Libreiros de Galicia veñen de asinar un convenio de colaboración en materia financeira que permite facilitar o crédito a autónomos e pemes que exercen a súa actividade neste sector.

A presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, María Pilar Rodríguez Álvarez, e o Coordinador de Negocio Institucional de ABANCA en A Coruña, José Manuel Vilariño Orgeira, rubricaron en Santiago un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co comercio tradicional de Galicia.

Este convenio pon o acento na reactivación comercial por medio do crédito, unha peza básica para acadar a posta en marcha de novos proxectos e a mellora da competitividade dos actuais. Os asociados accederán a condicións melloradas na contratación de produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial.

Os profesionais pertencentes á Federación tamén optarán a tarifas personalizadas na alta e mantemento de Terminais no Punto de Venta (TPV) e poderán acceder ás vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisión de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, e tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.

A entidade tamén porá a disposición dos libreiros xestores especializados en materia de seguros ou banca electrónica. Do mesmo xeito, dende as oficinas de ABANCA facilitarase a información relativa ás opcións de financiamento a través de convenios, como o Plan Activamos, asinado coas deputacións galegas, ou acordos acadados co ICO e IGAPE, así como coas sociedades galegas de garantía recíproca Afigal e Sogarpo.

A Federación de Libreiros de Galicia naceu no ano 1977 co obxectivo de promover e defender os intereses comúns dos seus membros e os intereses colectivos do sector libreiro na Comunidade Autónoma. Doutra banda, ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas en Galicia e cunha oferta axeitada para pemes e autónomos.