ABANCA inicia accións de reforestación nos montes galegos

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 16/03/2018 - 12:58 / Etiquetas: abanca, Reforestación Montes

 

ABANCA comeza este mes a segunda fase da campaña ‘Unha árbore nova’ coa replantación de 6.000 árbores. Con esta acción a entidade axudará a recuperar as zonas queimadas nos incendios de outubro. Os empregados da entidade que forman parte do programa de Voluntariado Obra Social ABANCA serán os encargados da replantación das árbores, en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat. A acción está aberta tamén a calquera persoa interesada en participar, que poderá unirse ao equipo de voluntarios do banco enviando un correo electrónico cos seus datos a rsc@abanca.com.

Estas tarefas levaranse a cabo en dúas etapas. A primeira iniciarase o domingo 18 de marzo, con accións en Coruxo (Vigo) e A Mezquita (Ourense), onde se esperan plantar 600 e 400 árbores, respectivamente. O sábado 24 de marzo realizaranse traballos de reforestación en Chandebrito (Nigrán) e na área metropolitana de Santiago de Compostela, cun obxectivo de 800 e 250 árbores, respectivamente. Esta primeira fase concluirá a primeira fin de semana de abril coa plantación de 300 árbores en Miño (A Coruña) e, por último, nas Neves (Pontevedra). A segunda etapa comezará a partir de outubro.

Durante este proceso, os voluntarios plantarán diversas especies autóctonas evitando, en todo momento, aquelas de tipo invasor ou meramente ornamental. Conxuntamente, os participantes no programa levarán a cabo actividades de limpeza dos montes afectados co obxectivo de contribuír á mellora da contorna natural.

Campaña ‘Unha árbore nova’

Estas accións forman parte da campaña que ABANCA iniciou o pasado Nadal. A entidade financeira despregou unha acción solidaria nas súas oficinas galegas para recadar fondos para a reforestación. Miles de persoas sumáronse a esta iniciativa e, a cambio, ABANCA entregou aos doantes o agasallo solidario ‘Unha árbore nova’, un tronco de cartón reciclado que simbolizaba que a árbore de Nadal estaba no seu verdadeiro hábitat: os bosques galegos.

Grazas ao diñeiro recadado e á achega inicial realizada polo banco, a entidade financeira, a través do seu programa de voluntariado, poderá realizar tarefas de reforestación nas zonas afectadas polos incendios. Ademais, todas as persoas que colaboraron na campaña poderán participar, saber que se fará coa súa árbore e permanecer informadas de todas as iniciativas que acompañarán este plan.

O compromiso co medio ambiente é un dos alicerces fundamentais da Obra Social ABANCA. Desde que se produciron os incendios en Galicia, a entidade financeira organizou diferentes accións co obxectivo de devolver o patrimonio natural galego ao seu estado orixinal. Os voluntarios de Obra Social ABANCA xa realizaron distintas actividades para contribuír á reforestación dos montes galegos, como os traballos realizados o pasado mes de novembro nos montes de Coruxo (Vigo), cando medio centenar de profesionais do banco participaron nunha xornada de mulching vexetal na que esparexeron palla e crearon barreiras con madeira en parcelas afectadas polo lume para evitar a erosión do terreo.