ABANCA permite aos seus clientes xestionar os seus seguros e realizar transferencias inmediatas desde o móbil

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 13/03/2018 - 12:53 / Etiquetas: abanca, APP

 

ABANCA vén de lanzar unha nova versión da súa aplicación de banca móbil que incorpora novas funcionalidades coas que a entidade financeira aumenta as xestións que os seus clientes poden facer comodamente desde os seus teléfonos móbiles.

A actualización da banca móbil vai permitir consultar desde o teléfono os datos básicos dos seguros que o cliente teña contratados con ABANCA. Na pantalla, dunha soa ollada, poderá ver os seguros e o detalle da Tarifa Plana que posúa en ABANCA.

“Os seguros forman parte do ADN de ABANCA e son unha das prioridades estratéxicas da entidade, polo que quixemos facilitar aos nosos clientes a súa xestión e contratación permitíndolles facelo comodamente desde o seu móbil”, sinala Álvaro García Diéguez, director xeral de ABANCA Seguros.

Ademais, o cliente poderá informar directamente á compañía de calquera sinistro que sufrise. Proximamente tamén estará dispoñible a posibilidade de consultar o último recibo de cada seguro, modificar algún aspecto como variar a conta de cobro ou cambiar as características do seu seguro.

Solicitar un seguro desde o móbil

A través do móbil o cliente tamén poderá solicitar unha cita con calquera oficina para contratar unha Tarifa Plana ou calquera seguro que necesite. Para resolver calquera dúbida relacionada cos seguros, os clientes terán á súa disposición un servizo telefónico pulsando no botón ‘Aclarar datos do meu seguro’ que lle porá en contacto cun operador telefónico.

Máis xestións desde o móbil

Ademais de todo o relacionado coa operativa de seguros, a nova versión da banca móbil de ABANCA inclúe outras melloras como a posibilidade de enviar transferencias de forma inmediata aos bancos europeos que admitan esta operativa.

Os clientes tamén poderán imprimir ou enviar o xustificante que se xera ao realizar unha transferencia e pagar desde o móbil os recibos que teñan pendentes.

“O que buscamos coa omninacalidade e a tecnoloxía é que o cliente poida relacionarse con ABANCA a través de calquera canle, en calquera momento e lugar”, asegura Eduardo Aldao, director de Innovación de ABANCA.

Coa incorporación de todas estas funcionalidades, ABANCA aumenta as xestións que os clientes poden facer comodamente desde o móbil como aprazar os seus gastos, contratar un préstamo ou unha tarxeta de crédito, facerse cliente por videochamada, consultar saldos e movementos, xestionar os seus fondos de investimento e accións, facer transferencias, pagar recibos, enviar diñeiro ao caixeiro ou crear tarxetas virtuais para comprar por internet, apagar e acender tarxetas, entre outras.

A aposta de ABANCA pola innovación e a tecnoloxía viuse reflectida nun aumento do 39,1% no número de interaccións dixitais mensuais.