Aberto o prazo de inscrición da Carreira Popular Torre de Hércules

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 14/02/2018 - 14:56 / Etiquetas: concello da coruña, torre de hércules

 

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de abrir o prazo de inscrición para participar na cuarta proba do Circuíto Coruña Corre desta tempada, a VIII Carreira Popular Torre de Hércules - Trofeo José Antonio Valera Calviño. A cita deportiva, que se celebrará na última fin de semana de marzo, terá a súa saída e meta ao pé do monumento Patrimonio da Humanidade, nun trazado no que as e os atletas percorrerán o barrio de Adormideras e o Paseo Marítimo até o Castelo de San Antón. Ao atractivo do circuíto, pola súa proximidade á contorna natural da Torre e ao océano Atlántico, súmase tamén o seu horario: un ano máis, as e os atletas que se inscriban na categoría absoluta, competirán de noite.

A proba, que comezará ás 21.00 horas do sábado, 31 de marzo, contará cun trazado de 6.675 metros que percorrerá o Paseo dos Menhires, a Enseada de San Amaro e o Paseo Marítimo desde o agra de San Amaro até a rotonda das Ánimas, punto no que o grupo dará á volta cara á Torre de Hércules. O peche de control será ás 22.15 horas e, unha vez realizado este, procederase á entrega de premios. As probas das categorías inferiores, desde prebenxamín ata sub 18, sucederanse pola tarde, desde as 17.15 até as 19.20 horas --a entrega de medallas terá lugar ás 19.40 horas--.

Para participar na VIII Carreira Popular Torre de Hércules, a inscrición pódese realizar na web municipal www.coruna.gal/carreiraspopulares , ou tamén de forma presencial na Oficina de Viaxes El Corte Inglés na avenida de Rubine, 3-5, en horario de 09.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas até o 27 de marzo. O Servizo Municipal de Deportes lembra que todas as persoas que desexen participar na proba, independentemente de que figuren coma participantes no circuíto, deberán inscribirse na carreira e recoller un novo dorsal e chip. Os dorsais, de uso obrigatorio para participar e puntuar --tanto na proba como no propio Circuíto Coruña Corre-- repartiranse no Frontón da Cidade Deportiva da Torre, o mesmo sábado 31 de marzo desde as 10.00 horas até unha hora antes do comezo de cada unha das carreiras. Como é habitual, as e os participantes contarán, neste mesmo recinto, co servizo de gardarroupa --de 20 a 22.30 horas-- e de duchas, ademais do avituallamento que se entrega ao chegar a meta.

A proba da Torre de Hércules - Trofeo José Antonio Valera Calviño será, ademais, a última das promovidas polo goberno local antes da celebración do Maratón Atlántica Coruña42 e da carreira 10K, que terán lugar o domingo 15 de abril, e cuxo prazo de inscrición mantense aberto a través do web www.carreirasgalegas.com . Ambas citas deportivas forman parte do circuíto de adestramentos gratuítos que o Concello, coa colaboración do Club Hércules Termaria, está a ofrecer ás e aos participantes de Coruña21, CoruñaCorre e Coruña42. Para máis información sobre este programa así como as distintas activides vinculadas ao atletismo popular, pódese visitar a páxina web www.coruna.gal/carreiraspopulares .