Afundación acolle a exposición conxunta de Eva Díez e Jon Gorospe

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 24/01/2018 - 00:24 / Etiquetas: Afundación, Eva Díez, Jon Gorospe

 

Afundación, a Obra Social de ABANCA, e o festival Outono Fotográfico presentan unha exposición conxunta de dous dos gañadores do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, Eva Díez con «Renacer» e Jon Gorospe con «Environments». A mostra abrirase ao público o vindeiro 31 de xaneiro na Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8) e poderase visitar ata o 24 de febreiro de luns a venres en horario de 17.00 a 21.00 h e os sábados de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h.

A serie «Renacer», de Eva Díez, recibiu o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea na súa terceira edición. As fotografías que a conforman amosan casas e edificios abandonados ou en ruínas, aos que Díez fai revivir iluminando o seu interior. Segundo palabras do comisario da mostra, Vítor Nieves, «Díez medita sobre o espazo de conforto e a súa ubicuidade Ese espazo concibido como guarida de acougo, algo recorrente na súa obra, no que ela muda o concepto de habitabilidade, rachando cos estereotipos».

Pola súa parte, «Environments», de Jon Gorospe, tamén foi galardoado na cuarta convocatoria do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Nesta serie o artista retrata o instinto do ser humano de afastar e enterrar os residuos que produce, o xeito en que os move dunha contorna a outra, expulsándoos do seu espazo vital para abandonalos en vertedoiros que por si mesmos acaban conformando novas paisaxes e arquitecturas.