Afundación organiza este ano cinco viaxes para os mayores

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 06/02/2018 - 00:40 / Etiquetas: Afundación, Espazos +60

 

Afundación, a Obra Social de ABANCA, dentro dos seus programas de envellecemento activo, ofrece ás persoas maiores de 55 anos a posibilidade de realizar unha serie de viaxes, tanto nacionais como internacionais, coa finalidade de promover un lecer cultural, saudable e un punto de encontro, comunicación e sociabilidade para os seus participantes.

A programación de viaxes deste ano inclúe un total de cinco destinos, tanto nacionais como internacionais. A primeira saída será no mes de abril a País Vasco, e continuará no mes de maio cunha viaxe a Alemaña para realizar un cruceiro polo Rhin. Xa no mes de xuño os socios e socias dos Espazos +60 Afundación visitarán Noruega, e en setembro Nápoles e a Costa Amalfitana. A programación pecharase no mes de outubro cunha visita a Cataluña.

O prazo de inscrición abrirase o vindeiro 8 de febreiro e prolongarase ata o 8 de marzo. Para anotarse é preciso dirixirse a calquera dos Espazos +60 de Afundación. As súas direccións e teléfonos pódense consultar nesta ligazón.

VIAXE A PAÍS VASCO

A primeira saída será a País Vasco do 15 ao 21 de abril. O primeiro día visitarán a cidade de Vitoria, e ao día seguinte Getaria, Zarautz e Hondarribia. No terceiro día coñecerán a cidade de Bilbao, onde realizarán unha visita ao Museo Guggenheim, e no cuarto San Sebastián. Nos últimos días coñecerán o Santuario de Arantzazu, a Universidade Sancti Spiritus, a parroquia de San Miguel, as Covas de Oñati, Gernika, Bermeo, Getxo e Portugalete.

CRUCEIRO POLO RÍO RHIN

Do 14 ao 21 de maio viaxarán a Alemaña para realizar un cruceiro fluvial polo río Rhin no que poderán descubrir algunhas das cidades alemás desde outra perspectiva.

A viaxe empezará en Colonia e pola tarde haberá unha excursión opcional a Düsseldorf. Chegarán a Bonn de madrugada e pola tarde chegarán a Linz, típica cidade medieval alemá, á que se accede pola porta dos restos da súa muralla. No transcurso do cruceiro fluvial polo Rhin tomarán a variante do río Mosela, que suca entre altos vales balizados de viñedos. A media mañá chegarán a Cochem e a primeira hora chegarán a Coblenza. Continuarán ata Rüdesheim e despois do mediodía chegarán a Maguncia. O domingo chegarán a Worms e tras esta visita poderán achegarse de forma opcional a Heidelberg. A última parada do cruceiro será o porto fluvial de Estrasburgo, onde realizarán unha excursión.

VIAXE A NORUEGA

Do 25 de xuño ao 2 de xullo está programada unha visita aos Fiordos Noruegueses. Os socios e socias dos Espazos +60 voarán cara a Bergen, e ao chegar realizarán unha visita panorámica da cidade. Ao seguinte día sairán cara a Preikestolen, desde onde se obteñen as mellores vistas sobre o fiorde de Lyse, paisaxe que tamén visitarán en cruceiro. O cuarto día sairán cara á cidade de Voss e continuarán cara ao val de Naeroy. Alí visitarán o fiordo de Sogne, o maior do mundo. Tamén realizarán unha excursión no tren de Flam e coñecerán as cidades de Lillehamer e Oslo.

VISITA A NÁPOLES E A COSTA AMALFITANA

A viaxe será do 18 ao 25 de setembro. Nápoles é unha das cidades artísticas máis grandes do Mediterráneo. Capital da rexión de Campania é, polo seu tamaño, o terceiro municipio italiano por detrás de Roma e Milán. Ademais de polas súas paisaxes, Nápoles é coñecida polo seu centro histórico, que conta con 2500 anos de historia e foi incluído na Worl Heritage List da UNESCO.

Pola súa banda, a costa Amalfitana é un tramo de costa italiana bañada polo mar Tirreno, situado no golfo de Salerno. Todos os municipios que a integran, como Paestum, Pertosa, Salerno ou Positano, foron declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1997.

VIAXE A CATALUÑA

Os socios e socias visitarán este destino entre o 1 e o 6 de outubro. O primeiro día realizarán unha visita panorámica en autobús da cidade de Barcelona, e ao día seguinte coñecerán Figueres, Empuriabrava e Roses. Despois achegaranse a Cadaqués, onde tomarán un barco para realizar unha ruta polo cabo de Creus.

Ao día seguinte realizarán a chamada «ruta de Gaudí» por Barcelona, e despois de comer visitarán o Poble Espanyol e as Rambles. O cuarto día sairán en dirección a Besalú, declarado Conxunto Histórico Artístico polo seu gran valor arquitectónico, para continuar ata o lago de Banyoles onde realizarán un paseo en barco e pola tarde visitarán a cidade de Girona.

No último día poderán coñecer a montaña de Montserrat, Sant Sadurní d’Anoia e as adegas de Codorníu, declaradas Monumento Artístico Nacional en 1976.

A ÁREA DE ENVELLECEMENTO ACTIVO DE AFUNDACIÓN, A OBRA SOCIAL DE ABANCA

Esta liña de actividades é parte da propostas da Área de Envellecemento Activo de Afundación que ten por obxectivo dinamizar o papel dos maiores na sociedade. Así, dentro da programación dos seus centros, ofrece durante todo o ano a posibilidade de realizar viaxes nacionais e internacionais e visitas culturais na contorna próxima, coa finalidade de promover un lecer cultural, saudable e un punto de encontro, comunicación e sociabilidade para os seus participantes. Potenciar o papel dos maiores na sociedade é unha das prioridades para Afundación no período 2015-2019 no marco das súas tres liñas estratéxicas. Para iso desenvólvese unha oferta cun amplo abano de actuacións destinadas á promoción de hábitos saudables, o goce da cultura e a expresión artística, a formación e o coñecemento e o lecer activo e relacional. A entidade dispón dunha rede propia de 11 centros de maiores, situados nas sete principais cidades galegas e noutras catro poboacións (Viveiro, Betanzos, Pontedeume e Monforte).