Ana María Fernández presenta un novo libro

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 07/05/2018 - 13:25 / Etiquetas: Ana María Fernández, Literatura infantil

 

Ana María Fernández vén de publicar Ring, ring…! Quen rima? (Hércules de Ediciones, 2018), un libro de poesía para nenas e nenos, marabillosamente ilustrado polo coruñés Enrique López.

O punto de partida dos corenta e seis poemas da obra é que as nosas vidas están mergulladas nun mundo fermoso e variado. Os seus versos serven de guía para visitar espazos moi diferentes e para facer xermolar sensacións que axudan a contemplar a realidade con novas perspectivas. Cabalgando sobre rimas, o lector viaxará por infinidade de paisaxes… Pola terra e pola serra, pola rúa e pola lúa, pola herba e pola néboa, con sombreiro e chuvasqueiro, con miñocas e con focas, con estrelas e con velas, con amigas, con amigos, con piratas… e contigo! Con este libro o lector poderá soñar, poderá sorrir, poderá bailar, poderá sentir… poderá vivir.

A obra aparece simultáneamente en castelán, obra tamén orixinal da autora, co título ¡Ring, ring…! ¿Quién rima?

A presentación oficial —que terá lugar este martes 8 de maio ás 19:30 horas na libraría Moito Conto da Coruña— contará coa presenza da autora; Enrique López, ilustrador do libro; Rosa García Vilariño, catedrática de literatura e lingua de ensino medio e Laura Rodríguez Herrera, editora do libro. No acto tamén participará Antón, fillo do ilustrador que fara unha lectura con seu pai, dalgúns poemas do libro.

A autora: Ana M.ª Fernández Martínez

Nace en Palma (Illes Balears). Con 18 anos chega á Coruña, onde desenvolve a súa vida laboral e familiar e onde reside na actualidade. Mestra e licenciada en Filosofía e Letras, é autora dunha ampla obra relacionada coa literatura infantil e xuvenil que abrangue os campos do teatro, a narrativa e, sobre todo, a poesía, á que dedicou boa parte da produción. O seu poemario Amar e outros verbos foi galardoado co Premio Lazarillo (2001) e co The White Ravens (2003). Outras obras súas son O país de amarnos (Lista de honor da IBBY, 2006), A casa de había unha vez, Versos da tarde laranxa, Poemas que me cantou o grilo, Páxinas de carricanta, Mediomedo e moitas máis. Ten poemas musicados por Manuel Rico, “Mamá Cabra”, Anxo Rei e outros. É tamén coautora con Xoán Babarro de varios títulos, entre os que figuran os premios “O Barco de Vapor” de 1985 e 1989.

O ilustrador: Enrique López

Enrique López naceu na Coruña, e desde pequeno viuse irresistiblemente atraído polas boas historias, en especial polas que empregaban a narrativa gráfica, xa fosen contos ilustrados ou cómics. Con cinco anos, os seus xoguetes preferidos eran unha folla en branco e un lapis, proporcionándolle horas e horas de entretemento. Desde entón, sempre estiveron presentes na súa vida, tanto na súa formación como arquitecto, como na súa paixón polo retrato e a ilustración. Actualmente compaxina a ilustración de contos infantís e xuvenís cun proxecto persoal dentro do ámbito do retrato e coa moi gratificante experiencia de contar boas historias ao seu fillo de 6 anos. En Hércules publicou Clara e o rapto do solpor e Vida sa! desde a infancia e para sempre.