Ángel Stanich, Roy Ellis, Escuchando Elefantes, La Plata, Dorian Wood e Aurora & The Betrayers, novas confirmacións do Festival Noroeste Estrella Galicia 2018

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 05/07/2018 - 16:29 / Etiquetas: Noroeste

Ángel Stanich, Roy Ellis, Escuchando Elefantes, La Plata, Aurora & The Betrayers e Dorian Wood súmanse ao cartel do 32º Festival Noroeste Estrella Galicia. Os sons indies máis aclamados a nivel estatal dos últimos tempos encherán o Parque do Paseo das Pontes durante a xornada de clausura do festival, o domingo 12 de agosto, coa xenialidade de Ángel Stanich, quen dará renda solta aos sedutores hits dos seus traballos Camino ácido e Antigua y Barbuda. Alí terá tamén cabida o pop aditivo e sen concesións de La Plata, con cancións que beben da New Wave e da música de baile dos 90 para non deixar de mover o esqueleto. Este escenario do Parque do Paseo das Pontes contará un ano máis coa complicidade do Mercado da Colleita, iniciativa de compromiso social de Corporación Hijos de Rivera, que persegue o desenvolvemento socioeconómico do rural galego, que anunciará as súas actividades proximamente. Pola súa banda, o escenario da Praza de San Nicolás será testemuña de tres voces inconfundibles: Aurora & The Betrayers, gran referente da música negra en España, chegará ao Noroeste Estrella Galicia 2018 a ritmo do mellor soul, rock, jazz, góspel, folk e psicodelia; mentres que o xamaicano Roy Ellis, aos seus impresionantes 72 anos, demostrará a golpe de reggae por que é unha lenda viva da música popular dos nosos días. En San Nicolás actuarán tamén Escuchando Elefantes, o tándem de folk rock máis imprescindible da escena coruñesa, que se gañou a pulso un oco en escenarios de medio mundo con temas como Burning Inside, The Rain ou Forever Young, tocando xunto a figuras da talla de Bono, Sinéad O’Connor ou Damien Rice. Finalmente, o cantante, compositor, performer e artista visual Dorian Wood poñeralle a nota de cor á Praza das Bárbaras coa súa impecable e singular fusión de folk, soul, música tradicional e son experimental, que denuncia as inxustizas e a hipermasculinidade dunha sociedade sen valores.

SEIS NOVAS BANDAS E ARTISTAS CONFIRMADAS NO NOROESTE ESTRELLA GALICIA 2018 ÁNGEL STANICH.

Con tan só dous álbums (Camino ácido e Antigua y Barbuda), o ermitán do pop Ángel Stanich conseguiu abarrotar todo tipo de salas e festivais provocando auténticos karaokes co seu Carbura, Mezcalito ou Metralleta Joe, xenuínos hits alternativos do indie estatal máis recente. Pouco se sabe deste xenial autor, e pouco máis poderás saber. Naceu en Santander, estudou en Valladolid, onde Javier Vielba (Corizonas / Arizona Baby) produciu o seu primeiro álbum, e reside en Madrid. Ten 28 anos, cabeleira e barba hirsuta e un anormal talento como guionista de sedutoras cancións onde os vaivéns cotiáns deveñen en surrealismo perverso. Stanich é un músico á marxe. Desde logo, un dos máis singulares que este país deu en anos. Non se parece a nada circundante e é dono dunha desas voces únicas que concita reaccións atopadas… Todo isto converteuno, en moi pouco tempo, nese tipo raro do que todo o mundo fala. E todo, sen contar con el. Porque Ángel Stanich é un freak recluso centrado na súa bohemia e as súas cancións. Non vai de nada. Ao contrario. Pasa do rolo mediático. Non fai promoción do seu traballo ou os seus múltiples concertos, polo menos de modo convencional. Custou o seu que montase o seu Facebook oficial ou a súa propia web. Non fai entrevistas, nin o veremos por aí nos seráns nocturnos. Pero a súa música e a súa figura inspiran esa estraña atracción fatal do bordo vulnerable. Imos, que Stanich podería ser sen dúbida o soño húmido de protección materna infalible non só de fronte ao sexo feminino. Escurridizo, politicamente incorrecto, misterioso, son algúns dos diagnóstico mediáticos que xera o seu desbordante e inusual enxeño arroupado de mordacidade certeira e unha fondura emocional impropia da súa idade que o converte en todo un feliz achado. Aí quedan máis de douscentos concertos en apenas dous anos. Desde os seus primeiros pasos enchendo bares el só coa súa acústica, facendo sold outs en salas (por exemplo, o seu demoledor fin de xira en Sala But de Madrid) e arrasando co infalible directo da súa Stanich Band polos máis importantes festivais do circuíto. Cando? Domingo 12 de agosto, no Parque do Paseo das Pontes.

AURORA & THE BETRAYERS.

Despois de cinco anos como cantante en Freedonia, Aurora García, unha das voces máis convincentes da música negra estatal, forma unha nova banda en 2013. Así, xunto con Martín García e Jose Funko, nace Aurora & The Betrayers. En 2014 se presentan con Shadows go away e unha primeira canción, Ain’t Got No Feelings, cuxo éxito se comprobou ao ser galardoados co Premio Pop Eye 2014 como mellor banda de música negra. Con Vudú (2016) conseguiron saír da etiqueta do soul pois, como eles mesmos din, son moito máis ca iso. Así, nese mesmo ano o Premio Pop Eye gáñano á mellor banda de rock. En 2018 publican Tune Out The Noise, un álbum máis persoal que conxuga pop, rock e psicodelia. Aurora García lidera un grupo versatil onde se dan cita folk, jazz, soul, góspel e rock. Cando? Xoves 9 de agosto, na Praza de San Nicolás.

DORIAN WOOD.

Dorian Wood é cantante, compositor, artista performance e artista visual. Nacido en Los Ángeles, as súas orixes atópanse en Costa Rica. Debuta en 2006 con Bolka, un traballo que recibe un amplo respaldo da crítica pola súa impecable fusión de folk, soul, música búlgara e son experimental. En 2011 lanza Brutus, gravado só con voz e piano. Despois de traballos como Rattle Rattle (2013), Down The Dirty Roof (2014) e Hymn to Freedom (2015), publica Xalá (Atonal Industries, 2017), un disco con cancións en español e gravado en España. Xalá significa “cala” ou “marcha” en Costa Rica. Un título que mostra a intención do disco, cuxo motor son as inxustizas, o feminismo e a hipermasculinidade. As cancións deste novo Wood, que conviven entre o folclore e a experimentación, invitan á reflexión e á autocrítica nunha sociedade sen valores. Cando? Martes 7 de agosto, na Praza das Bárbaras.

ESCUCHANDO ELEFANTES.

En 2006 os coruñeses Silvia Rábade e Carlos Tajes comezan a súa aprendizaxe musical xuntos e compoñen os seus primeiros temas. Nace entón o dúo folk-rock Escuchando Elefantes, coñecidos polas súas actuacións espontáneas na rúa, coas que percorren distintas cidades europeas. Os compoñentes de The Frames, Glen Hansard e Markéta Irglová, gañadores dun Oscar á mellor canción pola película Once, atoparon ao dúo nun deses concertos improvisados en San Sebastián e, esa mesma noite de 2010, Silvia e Carlos foron invitados a compartir escenario con eles. O seu primeiro traballo, Show & Tell (2012), é moi ben recibido pola crítica. Co seu segundo álbum, Happy Lonely People (2014), dan un paso máis na súa carreira, con videoclips nominados internacionalmente. Durante estes anos, Escuchando Elefantes tocaron con Bono, Sinéad O’Connor ou Damien Rice. En 2017 publican o seu último disco, Hope, que conta con cancións potentes e melódicas, como There’ll Be Joy, The Fight ou Anyway. Estes temas únense a outros tan recoñecidos como emotivos dos seus anteriores traballos: cancións como Burning Inside, The Rain ou Forever Young, que farán as delicias do público do Noroeste 2018. Cando? Mércores 8 de agosto, na Praza de San Nicolás.

LA PLATA.

La Plata é un grupo valenciano que bebe do pop da New Wave e os sons da Valencia dos anos 90. Emulando á música de baile das discotecas daquela época, La Plata aposta por cancións pop aditivas, directas e sen concesións. Os inicios do grupo remóntanse a 2015, cando Diego Escriche lanzou en solitario o tema Un atasco. Despois uníronse ao proxecto Miguel J. Carmona, Patricia Ferragud, Salvador Frasquet e María Gea. A súa primeira referencia é Un Atasco EP (2017), producida por Carlos Hernández, produtor, entre outros, de Triángulo de Amor Bizarro, Los Planetas ou Disco Las Palmeras. O seu pop impregnado de nervio punk promete facer mover o esqueleto no Festival Noroeste. Cando? Domingo 12 de agosto, no Parque do Paseo das Pontes.

ROY ELLIS.

Aos seus 72 anos, Roy Ellis -Mr. Symarip- é o artista jamaicano da súa xeración que máis actuacións ofrece en directo. Volveu aos escenarios en 2007 e, desde entón, non parou de traballar. Editou sete discos en tres continentes distintos e actuou en multitude de países por todo o mundo. A historia de Ellis, que cantou gospel desde que era un neno (prodixio), remóntase á década dos 60 do século pasado, cando participou -primeiro tocando o trombón, logo como compositor e cantante- no grupo Symarip (anteriormente coñecido como The Pyramids), aventura que duraría ata finais dos 80. Con Symarip, abanderado da música ska, sumándose ao auxe do movemento skinhead en Gran Bretaña, Ellis editaría en 1969 Skinhead Moonstomp, un dos discos de reggae máis vendidos da historia, con máis de sete millóns de copias despachadas. Fincado en Suíza desde os 80, onde forxou unha carreira en solitario dentro do gospel e o soul, esta volta ao reggae supúxolle unha segunda mocidade que lle permitiu reencontrarse cos seus vellos seguidores e con novos entusiastas do xénero. Todos eles veneran a unha lenda viva da música popular.. Cando? Mércores 8 de agosto, na Praza de San Nicolás.

O NOROESTE ESTRELLA GALICIA, UNHA CITA ÚNICA QUE EN 2018 CELEBRA A SÚA 32 EDICIÓN.

Como cada ano, A Coruña transformarase en agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2018, o festival celebrarase do 7 ao 12 de agosto e contará con máis de 80 bandas e artistas que inundarán cos sons máis eclécticos -pop, rock, indie, heavy, vangarda, fado, hip hop, fusión, folk, punk, noise, canción de autor, etc.- todos os recunchos urbanos da cidade. Dentro do cartel para esta 32º edición, que segue fiel á súa aposta pola calidade, a contemporaneidade e a singularidade de todos os seus directos, están xa confirmados os nomes de Ana Curra, Ángel Stanich, Aullido Atómico, Aurora & The Betrayers, Bea a de Estrella, BFlecha, Capsula, Carla Green & The Demons, Christina Rosenvinge, Dona Rosa, Dorian Wood, Escuchando Elefantes, Glitchgirl, Group A, Hexany, Honeymoon Disease, James Holden & The Animal Spirits, Kabbalah, La Plata, Laetitia Sadier Source Ensemble, Marem Ladson, Maria Arnal i Marcel Bagés, Maria del Mar Bonet, Mordem, Morgan, Mueran Humanos, Nathy Peluso, Neneh Cherry, Oh!Mega, Playa Desmayo, Rocío Márquez, Roy Ellis, The Big Lis Gumbo Band, The Devils, The Lákazans, The Limboos, Wondermind e ZA!

O Festival Noroeste Estrella Galicia é unha cita musical única en España, que ofrece un programa atractivo de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 60.000 persoas. Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, o Noroeste está organizado polo Concello da Coruña e conta coa colaboración especial de Estrella Galicia. Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia apostará polas bandas locais e galegas e buscará ser o reflexo dunha cidade moderna e fundamentalmente musical. Da súa man, A Coruña abrirase a novos camiños, a novas maneiras de facer e de mirar, consolidándose coma un reclamo de turismo experiencial, contemporáneo e singular.

Fiel á filosofía que ven caracterizando ao festival nas súas últimas edicións, o Noroeste Estrella Galicia manterá en 2018 o seu carácter urbano e aos 15 escenarios que deron cabida aos concertos en 2017 -a Praia de Riazor, o Castelo de Santo Antón, a Praza de San Nicolás, a Fundación Luís Seoane, a Casa Museo Casares Quiroga, o Campo da Leña, a Praza das Bárbaras, as rúas de Torreiro ou Capitán Troncoso e o Parque do Paseo das Pontes, entre outros- sumaranse novas localizacións para ofertar ao público novas experiencias e novas formas de interactuar coa cidade a través da música.

En 2018, o Noroeste Estrella Galicia repetirá a súa aposta por ofrecer ciclos de programación para todo tipo de públicos a diferentes horas do día e da noite. Na súa 32º edición contará de novo con sesións matinais (para ampliar a experiencia da cidadanía tamén no mediodía, da man de bandas con pegada da escena galega e estatal) e o Ciclo Selección Noroeste (con directos exclusivos en teatros e recintos a cuberto da cidade). O Mercado da Colleita, de Hijos de Rivera, celebrarase de novo en paralelo á súa sesión de música dominical.

O Concello da Coruña e Estrella Galicia continúan a súa colaboración trala firma en 2016 dun convenio institucional relativo á programación cultural que se pode gozar na cidade e que ten como máximo expoñente ao Noroeste. Ademais, o festival contará co apoio de Cuac FM e Desconcierto Cultural.