Comenza a programación do CGAI cunha escolma de filmes sobre temas medievais

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 09/01/2018 - 10:19 / Etiquetas: CGAI, Programación CGAI 2018

 

Un ciclo de cine de temática medieval abre hoxe a programación de 2018 na sede do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) na Coruña. Baixo o título VindeCine, está organizado en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura con motivo do regreso do pergamiño Vindel a Galicia para a exposición que pode verse actualmente no Museo do Mar, en Vigo.

A escolma reúne 10 títulos, que se pasarán ata o vindeiro 28 de febreiro como heteroxénea representación dende o cinema dos tempos das cantigas de Martín Codax, mais non se circunscribe estritamente a esa tradición.

Así, o programa intenta ofrecer unha visión ampla e diversa do medievo a través de filmes cunha traballada documentación e doutros que contan con valores artísticos alén da veracidade histórica. Ábrese mañá coa película de John Huston Paseo por el amor y la muerte e pecha co clásico de Carl Theodor Dreyer La pasión de Juana de Arco. Entre outros títulos, destacan tamén Lancelot du lac de Robert Bresson (6 de febreiro) ou, en clave máis humorística, Los caballeros de la mesa cuadrada y sus locos seguidores (27 de febreiro), aproximación á lenda artúrica dos Monty Python.

Otro Cine Español

Tamén en xaneiro, o CGAI acolle unha nova edición do programa Banda á parte, que desta volta reúne sete películas que marcan a temporada do cine independente español. Son propostas que, polas súas singulares apostas temáticas e estéticas, non están presentes nos circuítos comerciais tradicionais. A filmoteca galega fai así un repaso por algunhas das fitas máis relevantes do chamado Otro Cine Español do pasado 2017.

A selección ábrese o xoves 11 de xaneiro con Júlia ist, da prometedora directora catalá Elena Martín, filme sobre as súas experiencias e as doutras compañeiras como estudantes Erasmus, que obtivo os premios á mellor película e mellor directora no pasado festival de Málaga. Outra destas novas promesas, Adrián Silvestre, visitará o CGAI o xoves 18 para presentar a súa ópera prima, Los objetos amorosos, premio da crítica na última edición do festival de Sevilla.

Completan o ciclo El mar nos mira de lejos de Manuel Muñoz Rivas (25 de xaneiro), La película de nuestra vida de Enrique Baró Ubach (26 de xaneiro), La vida y nada más de Antonio Méndez-Esparza (1 de febreiro), Ternura y la tercera persona de Pablo Llorca (8 de febreiro) e Demonios tus ojos de Pedro Aguilera (15 de febreiro).

Broche ao repaso pola historia do cine francés

Entre os meses de xaneiro e febreiro culminará a traxectoria pola cinematografía gala que o CGAI desenvolve desde setembro en colaboración co Institut Français. Todas as semanas poderán verse un ou máis títulos, con algunhas presenzas destacadas. Entre elas, o filme de Jean-Luc Godard Grandeza y decadencia de un pequeño comercio de cine, obra de 1986 que acaba de ser recuperada e que será presentada polo cineasta e docente Paulino Viota o 9 de febreiro. Esa mesma semana proxéctanse copias restauradas de Pierrot de fou (día 7) e El desprecio (día 9), tamén de Godard.

Outro pequeno fito dentro deste repaso de películas francesas será o dedicado a Louis Delluc, un dos realizadores máis reivindicados do cine mudo, con catro restauracións que se proxectarán entre os días 14 e 21 de febreiro. Estas fitas ofrecen un dos primeiros retratos filmados do País Vasco, onde están rodadas.

Retrospectiva de Teo Hernández

Ademais, dentro da primeira programación bimestral de 2018 op CGAI ofrecerase unha retrospectiva do cineasta de vangarda Teo Hernández os días 19 e 20 de xaneiro. Este tipo de cine experimental contará con outras sesións destacadas, como a habitual dedicada a Stan Brakhage (10 de febreiro) ou a proxección de D'Est de Chantal Akerman, retrato dos países do Leste logo da caída do muro de Berlín, con presentación do cineasta galego Lois Patiño. Será o 17 de xaneiro, logo de falar do seu proceso creativo co xornalista Javier Tolentino de El séptimo vicio de Radio 3, nun programa en directo desde o CGAI.

A isto hai que engadir as proxeccións de cine galego, que nesta ocasión están dedicadas a cineastas como Héctor Carré ou Alberto Lobelle, e que contan dende agora cunha novidade: o ciclo 'Pensando en cine/Pensando en Galicia', que ofrecerá unha película galega cada dous meses presentada por unha personalidade da cultura galega allea ao cine e cun debate moderado por Antón Reixa. A persoa que inaugura esta sección é a poeta Yolanda Castaño, quen elixiu para empezar o filme Mimosas de Oliver Laxe.

Completan o programa as presentacións dos libros Cine y exilio. Forma(s) de la ausencia (12 de xaneiro) e Leyenda de Paradjanov (2 de febreiro), nas que se proxectarán os filmes La sirena negra de Carlos Serrano de Osma e Sayat Nova de Sergei Paradjanov, respectivamente.