Coruña acollerá este mes de maio a Copa de Europa de Judo e o XXX Trofeo Miguelito

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 17/05/2018 - 00:51 / Etiquetas: Judo Coruña
Foto: Concello da Coruña

 

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este mércores as dúas competicións deportivas de judo que a cidade da Coruña acollerá nos vindeiros días, como son a Copa de Europa junior e o Trofeo Miguelito, “nun mes de intensa actividade judoka” –apuntou o edil–, tras a celebración, a fin de semana pasada, do torneo do Colexio Liceo La Paz. “Esta serie de competicións dan conta da eclosión e continuidade afortunada que ten a práctica do judo na nosa cidade, un deporte que se atopa nun progresivo crecemento e que conta cunha importante vertente formativa ”, explicou Sande, que estivo acompañado polo presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, así como do vicepresidente da entidade e máximo responsable do comité organizador do torneo coruñés, Eduardo Galán.

Así, esta mesma fin de semana, o Coliseum será a sede da Copa de Europa de Judo XX Gran Premio Internacional Teresa Herrera, unha cita que reunirá a 385 deportistas da categoría junior procedentes de 25 estados diferentes. 149 mozas e 236 mozos de Alemania, Andorra, Arxentina, Bélxica, Croacia, España, Finlandia, Francia, Irlanda, Israel, Italia, Luxemburgo, Moldavia, Mónaco, Montenegro, Mozambique, Noruega, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Romanía, Rusia, Taxikistán e Xeorxia participarán na competición, que contará con 42 deportistas de Galicia, dos e das cales 18 son da Coruña. Tal e como destacou Mario Muzas, trátase dunha edición “exitosa” polo alto número de países e deportistas presentes, “e que supón un novo récord de participación nesta Copa”, que forma parte co circuíto mundial IJF Ranking. Na primeira xornada do torneo, que se desenvolverá de xeito ininterrompido entre as 10.00 e as 17.00 horas, tal e como sinala o regulamento comunitario, terán lugar os combates das catro categorías de menor peso, mentres que na segunda, o domingo 20, en horario de 10.00 a 14.30 horas, farán o propio as catro de maior peso.

De cara á fin de semana seguinte, o domingo 27 de maio, o Coliseum acollerá a trixésima edición do Trofeo Feminino e Masculino Miguelito, unha competición especial que, como salientou Sande, “acredita a vertente formativa do judo”, e na que participarán máis de 3.300 nenas e nenos. Co gallo desta celebración, o Concello da Coruña vén de editar un conto, en formato cómic, en colaboración coa Federación Galega de Judo dirixido a fomentar a práctica deste deporte entre as nenas e nenos da cidade. Ademais, estrearase unha canción, Miguelito , composta especialmente por Klaus Martínez Veiga para celebrar o trixésimo aniversario do torneo. Tal e como destacou Eduardo Galán, ambas propostas “pretenden reforzar e incidir nos valores positivos do judo, non só polos beneficios que reporta como práctica deportiva senón como ferramenta educativa”.

Para obter máis información sobre a competición así como das publicacións especiais desta edición, pódese visitar o web http://www.fgjudo.com/ .