Danza para o público máis novo nas matinais do Teatro Colón

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Dom, 27/05/2018 - 00:37 / Etiquetas: Diputación da Coruña, teatro colon

 

O Teatro Colón ofrece este domingo o espectáculo "Home de area", un conto popular levado ao escenario por Ballet Norte, recomendado para nenos e nenas dentro do programa "As matinais" para todo tipo de público. Neste caso, a actuación busca achegar a danza ao público máis novo, a partir dos 3 anos.

A área de Cultura da Deputación da Coruña continúa coa programación escénica e musical para o público novo a través do ciclo “As Matinais do Colón” que este domingo 27 ofrecen o espectáculo  “Home de area”, un conto popular levado ao escenario por Ballet Norte, recomendado para maiores de 3 anos.

“Home de area” levará aos máis novos a adentrarse  nunha aldea onde vive Clara, o seu mozo Nathanael e o fabricante de xoguetes Coppelius. Este último vive nunha casa misteriosa onde mantén as súas creacións: bonecas de tamaño humano descoñecidas para o resto da xente.

Sen resistir á curiosidade, Clara e as súas amigas chegan un día á casa de Coppelius dispostas a descubrir cal é o xoguete escondido alí. Despois de indagar en todas partes, Clara decide facerse pasar pola boneca favorita do artesán.

A compañía coruñesa Ballet Norte está integrada por bailaríns con formación clásica, neoclásica e contemporánea que proveñen doutras compañías e por profesionais que participaron en producións do Centro Coreográfico Galego.

A compañía representará tamén dúas funcións do espectáculo na programacion escolar o día 28 de xuño, con público composto por centros de ensino.

As entradas para este espectáculo pódense mercar en ataquilla.com ou na billeteira do Teatro Colón. Os horarios de apertura están dispoñibles en www.teatrocolon.es/entradas