Deputación e Faepac informan sobre as novidades do Bono Social eléctrico

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 11/01/2018 - 15:55 / Etiquetas: deputacion da coruña, Diputación da Coruña, FAEPAC, Bono Social Eléctrico

 

A Deputación da Coruña e Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC) realizaron esta mañá unha xuntanza informativa con representantes dos diferentes concellos da provincia para expor as novidades que presenta o novo Bono Social eléctrico para persoas vulnerábeis.

A xornada, organizada pola área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade da Deputación, que dirixe a deputada Ánxela Franco, serveu para explicar os requisitos que deben reunir as persoas  que se queiran acoller a esta bonificación, e tamén para aclarar cales son os procedementos que deben seguir os concellos nas súas solicitudes, ao ser as entidades locais as responsables de certificar e acreditar as circunstancias especiais das persoas que se adhiran ao desconto na tarifa eléctrica.

A deputada de Servizos Sociais, Educación e Igualdade, Ánxela Franco lamentou durante a súa intervención que “sendo Galiza unha grande produtora de enerxía eléctrica tamén se atope nos primeiros postos do ránking da pobreza enerxética”, calificando de “indigna” a situación que se está a producir.

Pola súa parte, os representantes da  Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña explicaron aos técnicos municipais as principais características e trocos producidos no bono Social enerxético, trala aprobación do real decreto 897/2017, polo que dende o pasado outubro se establecen as condicións para solicitalo.

Durante o acto, o técnico en Enerxías Renovábeis da Faepac, José Manuel Golpe, abordou a estrutura da factura eléctrica e os seus elementos, para acto seguido desbullar cales son os diferentes sistemas de facturación que existen na actualidade, e tamén presentar algunhas das oportunidades de aforro que están a disposición dos consumidores.

Nesta liña, Golpe comentou “é aconsellable que os consumidores estean dentro do mercado regulado (PVPC), xa que é un sistema que conta co amparo da administración”, ao tempo que afirmou que “o sistema de libre mercado da enerxía é unha selva”.

“Os usuarios dos Servizos Sociais deben estar sempre dentro do mercado regulado” apostilou.

Ademais, a técnica en Planificación Enerxética, Maite Méndez, expuxo de xeito detallado os cambios que se produciron nas condicións que deben reunir as persoas que se queiran acoller ao novo Bono Social, e informou ás persoas responsables dos concellos como deben proceder para solicitar o devandito bono, naqueles casos nos que as persoas solicitantes se atopen dentro da categoría “circunstancias especias”.

“ É moi importante divulgar esta información e que chegue a todas as persoas, dado moitas delas teñen dereito a esta bonificación e non o saben” subliñou Méndez.

O Bono Social eléctrico é un mecanismo artellado polo Ministerio de Industria para ofrecer a certos colectivos un desconto no prezo da enerxía eléctrica. Mais, dende o pasado 8 de outubro de 2017, a normativa que define os requisitos para poder acollerse ao mesmo sufriu importantes variación nos baremos dos niveis de renda das unidades familiares e tamén incorporou novas categorías e situacións, nas que se debe para poder ter dereito o desconto  na tarifa eléctrica.

A Faepac é unha institución sen ánimo de lucro creada no ano 2006 que ten por obxecto asesorar a particulares e empresas en todo aquelo relacionado coas enerxías renovábeis e o aforro enerxético. 

Así, entre os seus obxectivos están contribuír  ao aproveitamento dos recursos enerxéticos e fomentar a sensibilización das autoridades locais, empresas e cidadáns sobre a escaseza dos recursos.

Poden ampliar a información e consultar as condición do novo bono Social eléctrico na seguinte ligazón: http://www.faepac.org/