Detido por varios furtos en distintos establecementos da cidade

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 25/01/2018 - 17:00 / Etiquetas: Detidos Coruña, Furtos Coruña

 

Na tarde de antonte, 23 de xaneiro, unha dotación da Policía Local deu o alto a un home que ía correndo pola rúa San Andrés cunha actitude sospeitosa e que identificaron co autor de varios furtos en distintos establecementos da cidade. Cando a patrulla estaba a identificar a esta persoa, foi requirida pola dependenta dun estanco próximo que o sinalou como o autor dun furto que se acababa de producir no seu establecemento. Este home solicitáralle tabaco de varias marcas e, mentres ela buscaba a mercadoría, deuse a fuga con dous cartóns de tabaco, cun valor de 98 euros.

Para a súa identificación, esta persoa foi trasladada a dependencias policiais, onde se comprobou que estaba a ser buscado por participar, xunto con outro individuo aínda sen identificar, noutros tres furtos: o 3 de xaneiro, nunha cafetería da Glorieta de América, na que roubou varios décimos de lotería, ao día seguinte; nunha tenda de comestibles no Paseo das Pontes, na que roubaron varios efectos por valor duns 350 euros; e no estanco da rúa Luís Seoane, onde roubaron un cartón de tabaco valorado en 47 euros. Este home, de 37 anos, foi denunciado por un delito de furto continuado, quedando custodiado nos calabozos policiais.

A Policía Nacional continuará coas investigacións para a identificación e detención do coautor dos furtos, as como a indagación doutros feitos delituosos nos que puidesen estar implicados.