Detido por violencia machista na zona de Riazor

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 07/02/2018 - 00:19 / Etiquetas: violencia machista

 

Ás 04:43 horas do 5 de febreiro, unha dotación da Policía Local foi comisionada pola Sala Operativa do 092 para que se trasladase a unha vivenda da zona de Riazor, onde ao parecer, estaba a producirse unha forte discusión entre unha parella. Unha vez no lugar, a requirinte do servizo e veciña do inmoble relatou á patrulla que escoitara no medio da discusión algo relativo a un coitelo. A patrulla dirixiuse entón á vivenda do andar superior, onde lle abriu a porta un home. Nese intre, a dotación escoitou o chanto dunha muller, polo que lle pediu que se acercase á porta, respostando no seu lugar o home, que ela non quería saír, mentres lle daba paso á patrulla ao interior do domicilio.

Un dos axentes dirixiuse á habitación onde se atopaba a muller, que estaba en posición de cuclillas e nun estado de forte nerviosismo. Enriba da cama había un coitelo co que, segundo relatou a muller, a súa parella entrara na habitación cun xesto intimidatorio. Así mesmo, explicou que a súa parella rompera un cristal dunha porta e que, ao sentirse atemorizada, tentou abandonar a vivenda pero que el se interpuxo. Tamén manifestou que non fora agredida, aínda que, debido ao estado de nerviosismo que presentaba, non foi capaz de relatar nada máis.

A muller, de 29 anos, rexeitou ser atendida polos servizos sanitarios e explicou que non quería denuncialo pero que tampouco quería volver a pasar por iso. A dotación comprobou que no interior da vivenda había unha porta cos cristais rotos e que o home tiña un pequeno corte no dedo pulgar da man esquerda e pequenas manchas de sangue no pantalón. Outra dotación que acudira ao lugar en apoio, entrevistouse coa persoa que chamara ao 092, que manifestou que escoitara unha forte discusión na vivenda, o cal era habitual, pero que, ao escoitar como unha voz feminina gritaba “pegáchesme” e “coitelo”, decidira dar aviso á Policía.

A patrulla detivo e denunciou de oficio ao home por un delito de violencia de xénero, que quedou a disposición xudicial nas dependencias policiais.