Detido un veciño da Coruña de 32 anos por violencia machista

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 24/01/2018 - 00:15 / Etiquetas: violencia machista

 

As 00.09 horas do día 22 unha patrulla de policía local foi comisionada pola Sala Operativa do 092 para acudir ao barrio do Birloque onde, segundo unha testemuña, estaba a producirse unha agresión entre unha parella nun vehículo. A dotación, que xa se atopaba nas inmediacións buscando un vehículo BMW que ao parecer saíu da vía e golpeou un cadro eléctrico exterior, observou a unha moza que ía correndo dirección avda. Alfonso Molina en estado de gran alteración e nerviosismo e que presentaba unha ferida cortante e sanguenta na man dereita, con restos de sangue na cara, sen máis feridas visibles no corpo. Ao deter o vehículo policial, a muller xa abriu unha das portas traseiras e introduciuse no seu interior, pedíndolle os axentes que a sacaran de alí. A muller manifestou que a agrediran, sen indicar quen, dicindo nun primeiro momento que estaba no interior dun coche cun amigo, e este a agredira. A patrulla da Policía Local localizou nas inmediacións o vehículo indicado pola muller, momento no cal ela recoñeceu o condutor do mesmo como a súa parella sentimental e agresor. Manifestou que a recollera momentos antes, que viña enfadado e nun momento dado comezou a agredila, tirándoa ao chan e alí comezou a darlle golpes cos puños e patadas, ata que conseguiu levantarse e escapar á carreira, aparecendo a patrulla nese momento.

Os axentes interceptaron o mozo, que manifestou ter unha discusión coa súa moza, aínda que non fora máis que unha simple discusión de parella. Os axentes observaron que portaba unha sudadera manchada de sangue, sen observarlle a el ningún tipo de lesión. Solicitouse a presenza dun ambulancia do 061 para a atención das feridas da muller, tras comprobar que estaba todo o tempo dobrada, agarrada ao abdome e queixándose da dor polos golpes recibidos, así como que tiña toda a roupa, cara e pelo, mollado e embarrado, coincidindo o seu aspecto e lesións coa versión facilitada.

Por todo iso, procedeuse á detención do agresor, un veciño da Coruña de 32 anos, sendo informado verbalmente do motivo da mesma, así como dos dereitos que lle asisten. Foi trasladado ás dependencias policiais e quedou a disposición xudicial nos calabozos. Foi denunciado por un delito de violencia machista con resultado de lesións.

Así mesmo, foi denunciado ante o xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas estando implicado nun accidente sen feridos ocorrido ás 00.00 horas do día 22, na Avda. de Glasgow, á altura do número 6, onde previamente aos feitos, o turismo da marca BMW sufriu unha saída de vía chocando contra un cadro eléctrico, feitos denunciados por unha testemuña ocular que chamou á sala do 092, aínda que á chegada dos axentes non localizaron o vehículo nin os danos. O condutor deu positivo nas probas de determinación do grao de impregnación alcohólica (0,72 e 0,73 mg./litro), polo que se lle tramitan tamén dilixencias ao Xulgado por un presunto delito contra a seguridade viaria. O vehículo foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.