Dous investigadores da UDC son premiados pola Sociedad Científica Informática de España

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 15/05/2018 - 00:01 / Etiquetas: Investigadores UDC

 

A Sociedad Científica Informática de España vén de premiar, xunto coa Fundación BBVA, a dous investigadores da Universidade da Coruña. O catedrático da Facultade de Informática Ramón Doallo Biempica obtivo o Premio Nacional de Informática e o investigador David Vilares Calvo foi premiado na categoría de Novo Investigador Informático.

O xurado premiou a Doallo na modalidade Aritmel polas “súas sobresaíntes aportacións á arquitectura e tecnoloxía de computadores ao longo da súa traxectoria investigadora, así como pola súa intensa actividade de transferencia dos resultados ao sector empresarial e o seu recoñecido liderado científico”. Pola súa banda, Vilares foi distinguido “polas súas destacadas contribucións á investigación en técnicas e algoritmos para o procesamento da linguaxe natural, con especial énfase na súa aplicación á análise de sentimentos en redes sociais”.

Os Premios Nacionais de Informática, que se conceden desde 2005 con periodicidade anual, constitúen os premios máis prestixiosos a nivel estatal no ámbito da Enxeñaría Informática. A modalidade Aritmel está dirixida a aqueles investigadores, menores de 55 anos, que realizasen sobresaíntes aportacións científicas na área da Enxeñaría Informática. A modalidade de Novos Investigadores Informáticos está destinada a distinguir traballos de doutoramento innovadores e relevantes. Búscase recoñecer aqueles investigadores que contribúan ao relevo xeracional nesta disciplina, así como ao seu estudo, fortalecemento e divulgación, premiando a creatividade, orixinalidade e excelencia destes investigadores nos primeiros anos da súa profesión.

Ramón Doallo Biempica, doutor en Ciencias Físicas pola USC, é Catedrático da Facultade de Informática, pertence ao Grupo de Arquitectura de Computadores do Departamento de Enxeñaría de Computadores. A súa actividade investigadora centrouse no campo da Computación de Altas Prestacións, tendo tamén actividade no ámbito dos Sistemas de Információn Xeográfica, neste caso con maior énfase na transferencia de tecnoloxía. No primeiro campo, a súa actividade desenvolveuse nos tópicos de arquitecturas do procesador, supercomputación, aplicacións da computación de altas prestacións, cluster computing, comunicacións de baixa latencia, gráficos por computador e GPGPU, compiladores para sistemas de altas prestacións e cloud computing. Dentro do segundo ámbito, a súa actividade centrouse no desenvolvemento de sistemas de información que utilizan datos xeorreferenciados nos ámbitos da planificación rural e urbanística, apoio a sistemas de predicción meteorolóxica e oceanográfica ou visualización masiva de datos LiDAR. En 2015, ingresou na Real Academia Galega de Ciencias como Académico Numerario.

David Vilares Calvo é licenciado en Informática pola UDC. Investigador do grupo LyS, Lingua e Sociedade da Información, dirixido pola profesora da Facultade de Filoloxía Margarita Alonso Ramos, presentou a súa tese de doutoramento do ámbito de Computación “Procesamento composicional da linguaxe para a análise do sentimiento multilingüe” no ano 2017. Foi dirixida polos profesores Miguel Ángel Alonso Pardo e Carlos Gómez Rodríguez e obtivo a cualificación de sobresaliente “cum laude”. Vilares Calvo realizou estadías de investigación en universidades de Inglaterra e Singapur cunha axuda de estadías predoutorais UDC-Inditex.