Enquisa para coñecer a opinión dos usuarios sobre o Plan de entrada dos autobuses metropolitanos ao centro da Coruña

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 13/03/2018 - 00:10 / Etiquetas: Bus Metropolitano

 

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda realizará dende hoxe e durante esta semana enquisas sobre o Plan de entrada dos autobuses metropolitanos ao centro da Coruña co fin de coñecer o nivel de satisfacción dos usuarios e continuar a mellorar o transporte público na comarca.

A Xunta, catro meses despois da posta en marcha do plan e coa segunda fase tamén activa, efectuará 200 enquisas personalizadas a partir de mañá na estación de autobuses e Entrexardíns.

Estes cuestionarios tamén se distribuirán no interior dos autobuses, para que as completen os viaxeiros que así o desexen, e estarán dispoñibles na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, no enlace https://goo.gl/jGZYg5, ou nas redes sociais das empresas de transporte implicadas nas fases xa activas do Plan.

O Goberno galego xa levou a cabo estudos que indican que máis do 20% dos usuarios das 30 liñas que entran e paran no centro empregan as novas paradas para subir e baixar do autobús.

Cómpre lembrar que o pasado 26 de febreiro entraba en funcionamento a segunda fase deste plan coa que os autobuses dos corredores de Arteixo e Carballo acceden ao centro urbano con paradas na Praza de Pontevedra/ Juan Florez, Entrexardíns, Praza de Ourense, Costa da Palloza e Estación de autobuses.

Esta iniciativa permite chegar ao centro 17 liñas interurbanas máis que acumulan preto de 900.000 viaxes ao ano. O obxectivo do plan é facilitar os desprazamentos aos usuarios grazas a un maior número de liñas que poidan ter acceso todos os días e durante todo o día, ao centro urbano da Coruña.

O Plan de entrada dos autobuses interurbanos ao centro da Coruña é unha iniciativa da Xunta de Galicia que ten por obxectivo responder a unha demanda dos veciños da comarca, incentivando ao mesmo tempo o fomento do uso do transporte público, para reducir a contaminación e contribuír á fluidez de tráfico.