Exposición do fotógrafo Juan Cancelo no Pazo de María Pita

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 30/01/2018 - 14:24 / Etiquetas: concello da coruña, Exposiciones María Pita

 

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, inaugurará esta tarde, no Pazo municipal de María Pita, a exposición Illa Rota. Da II República ao franquismo, unha mostra que dá conta do traballo do reporteiro gráfico coruñés Juan Cancelo entre os anos trinta e sesenta do pasado século. A exhibición, que conta co fotógrafo José Caruncho e o historiador Emilio Grandío como comisarios, está dividida en seis grandes bloques temáticos, nos que Cancelo reflicte a vida política e social, principalmente da Coruña, nesta época: República, Guerra, Relixión, Muller, Sociedade e Mar. O primeiro deles, o máis estenso, inclúe reportaxes como a chegada de Casares Quiroga, a visita de Manuel Azaña ou o mítin de Esquerda Republicana na antiga praza de touros da cidade. Tamén, neste período, ten presenza un novo Francisco Franco. A continuación, o capítulo Guerra , dá conta da situación da cidade durante os tres anos do conflito e con posterioridade ao mesmo. Tamén a través do labor do autor observarase o papel da Relixión vinculada á educación; a Muller e a súa relación co traballo; a Sociedade dos anos 50 e 60, que contrapón o mundo deportivo e cultural con imaxes de familias nunha situación de vulnerabilidade; ou o Mar , o porto e as praias, unha temática moi presente no traballo de Cancelo ao longo de toda a súa carreira.

O acto de inauguración, aberto á cidadanía, terá lugar na propia sala de exposicións do Pazo de María Pita. A mostra poderase visitar até o vindeiro 11 de marzo, todos os días, en horario de 12.00 a 14.00 horas, e de 18.00 a 21.00 horas.