Exposición Fotógrafos da Natureza 2018

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 06/07/2018 - 11:37 / Etiquetas: Aquarium finisterrae

A sala Isabel Castelo do Aquarium Finisterrae presenta a exposición Fotógrafos da Natureza 2018, que contén as fotografías galardoadas na última edición do concurso GDT European Wildlife Photographer of the Year.

Este concurso iniciouse no ano 2000, promovido pola Asociación Alemá de Fotógrafos da Natureza (GDT nas súas siglas en alemán). Ten como obxectivo mostrar o extraordinario nivel da fotografía da natureza tanto profesional como afeccionada en Europa, pero tamén pretende promover o coñecemento da natureza e a súa conservación.

Por primeira vez, nos dezaoito anos de historia deste certame, resultaron gañadoras absolutas dúas fotografías, completamente distintas en contido e expresión, aínda que cunha harmonía especial entre ambas.

A exposición está formada por 84 imaxes, gañadoras e finalistas nas diferentes categorías do concurso: Aves, Mamíferos, Outros animais, Plantas e fungos, Paisaxes, Mundo submarino, Ser humano e natureza, Forma e composición, Mellor fotógrafo/a menor de 14 anos, Mellor fotógrafo/a entre 15 e 17 anos.

Entre elas están as imaxes de 9 de fotógrafas e fotógrafos españois, 2 delas gañadores nas categorías de Outros animais, e Mellor fotógrafo menor de 14 anos. Son imaxes moitas veces sorprendentes, visualmente moi impactantes, poéticas e en ocasións divertidas, que mostran a beleza única da natureza.