A sala de exposicións 'Plataforma14' acolle a mostra fotográfica ‘Mans’

Imagen de Gabriel Lamela
Autor: Gabriel Lamela / Fecha: Dom, 25/03/2018 - 14:32 / Etiquetas: exposición fotográfica, Plataforma 14

A sala de exposicións 'Plataforma14' acolle desde o vindeiro luns a mostra 'Mans', a última reportaxe fotográfica da artista nova Sara Garabatos Díaz, alumna do CIFP Imaxe e Son.

A exposición está conformada por 14 fotografías de 45x35 cm, realizadas a finais do ano 2017 e principios do 2018, nas que se dan a coñecer aspectos da realidade que normalmente aparecen ocultos tras unha primeira ollada. Deste xeito, a autora céntrase en amosar diferentes tipoloxías de traballos manuais e o resultado destes nas mans das persoas que os realizan.

As fotografías móstranse agrupadas por parellas, unha na que a persoa está realizando o traballo e outra en repouso, e están ordenadas segundo o eixe temporal das mans que aparecen nelas. Ábrese a serie coas mans dunha nena e péchase coas mans dunha persoa maior. A exposición inaugurarase este luns, 26 de marzo, e poderase ver ata o venres 13 de abril. 

A sala Plataforma14, pertencente a Concellaría de Participación e Innovación Democrática e coordinada polo Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), pretende visibilizar a creación realizada polos e polas artistas emerxentes da cidade.

Toda a información sobre este espazo pode atoparse na web www.coruna.gal/cmix/plataforma14