XII Feira Matemática

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 06/04/2018 - 00:30 / Etiquetas: concello da coruña, Feira Matemática

 

A Concello da Coruña colabora un ano máis coa Feira Matemática para estudantes de todas as etapas de ensino, que chega este ano a súa XII edición nun encontro que se celebrará o próximo 7 de abril no Palexco. A Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) organiza a xornada, que está dirixida ao alumnado de Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional, pero tamén aberta ao profesorado e público xeral. Este ano participan 15 centros da provincia da Coruña que disporán de postos nos que os e as estudantes podan expoñer as súas propostas didácticas e actividades matemáticas, como poden ser experiencias que tiveran nas aulas, xogos, crebacabezas ou exposicións, entre outras. O Día Escolar das Matemáticas está dedicado este ano ás matemáticas electorais, polo que algunhas das accións previstas xogarán co papel da informática.

Durante a xornada haberá tamén tres certames, de fotografía matemática, monólogos e esopías, un xogo con palabras que teñen un número de letras igual ás sucesivas cifras do número pi. Haberá tamén obradoiros e concursos paralelos durante toda a xornada, como os talleres de papiroflexia, sudokus, maxia, cubo de Rubik e ​escape room​. As persoas asistentes recibirán a moeda oficial da feira, chamada agapemos, por participar nas diferentes actividades e que poderán cambiar por libros, xogos e outros agasallos.

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, que acudirá o sábado á feira, indica que “este tipo de actividades permiten un achegamento á ciencia e ás matemáticas dende un punto non tradicional, máis atractivo para o estudantado que pode ver a súa aplicación á vida diaria, e cuxos obxectivos coinciden plenamente co enfoque que dende o Concello se lle dan ás actividades que se planifican en relación á aprendizaxe das matemáticas, como pode ser o programa educativo para centros públicos ​Coruña Matemática ou o obradoiro Eureka​, destinado a xogos de lóxica, matemáticas e experimentos científicos dirixido a alumnado de Infantil e 1o, 2o, 3o e 4o de Primaria”.