Galiza vista con ollos de vaca no novo libro de Afonso Eiré

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 23/04/2018 - 06:15 / Etiquetas: Hércules de Ediciones, Alfonso Eiré

 

“Eu son a Cachorra. Unha vaca. Pero non unha vaca calquera. Son unha vaca marela. Unha rubia galega. Unha vaca da casa, agora enxermada e marota. Aos meus 30 anos, vivín moito e vin moito máis e aínda miro coa costume de enxergar…”.

Así se presenta a protagonista de “Memorias dunha vaca marela” ao comezo da novela de Afonso Eiré que sairá proximamente do prelo, editada por Hércules de Ediciones.

Como di o refraneiro popular "a vaca marela non hai quen poida con ela", e a Cachorra é unha desas vacas. A través da súa vida e dos seus ollares, o autor, que xa lle dera vida a protagonista no lembrado libro Eu tamén fun coas vacas, radiografíanos os cambios que se deron non só nas explotacións agrícolas e gandeiras, pasando da corte debaixo da casa aos máis modernos estábulos, senón na sociedade rural galega. Os cambios para as vacas pero tamén para os paisanos. Das máis de cen mil explotacións as pouco máis de sete mil. Das vacas marelas que poboaban os prados e montes ao inzado das pintas que non saen das súas granxas. Da gandería de subsistencia a gandería industrial. Do "nós non somos empresarios" que berraban os labregos a fins do século pasado, aos que presumen agora de ser empresarios agrícolas e na vez de vivir no campo viven nas vilas. Das granxas modernas que pecharon... Do arado romano tirado polas vacas ao tractor con música estéreo e aire acondicionado.

E coa Cachorra aparecen o Xosé, o amo da casa e a súa muller Inés. Máis tarde faise cargo de todo o Pepiño... E todo cambia na casa do Cabanelas e no lugar da Lucenza. Pero tamén aparecen personaxes secundarios aos que calquera pode pórlle nomes e caras. Desde os tratantes, aos veterinarios, pasando polos políticos, sindicalistas, vendedores de apeiros ou penso, médicos, comerciantes, emigrantes, cantinas, esfollas, feiras e romarías... E protestas.

As vacas ademais de testemuñas privilexiadas foron tamén o motor do cambio na economía galega.

Deixouno escrito Castelao no Sempre en Galiza: "O día que nós emitamos papel-moeda, non estamparemos nel o retrato de políticos nin de sabios nin dos artistas, estamparemos, somentes, a figura dunha vaca como símbolo da nosa economía humana e distributiva (...) O día que saibamos o que vale unha vaca, Galiza quedará redimida".

En Memorias dunha vaca marela, a Cachorra non só é a protagonista, senón o símbolo dun tempo e duns cambios sociais eculturais profundos.

O AUTOR

Afonso Eiré López defínese como xornalista e na súa profesión conseguiu os principais premios e galardóns, como a Medalla Castelao, o Galicia de Xornalismo (en dúas ocasións) ou o Julio Camba... Aínda que para el, o maior logro foi o de exercer, durante máis de 30 anos, como director de A Nosa Terra. Con 14 anos comeza a colaborar con El Progreso, e, asemade, fai a súa incursión na literatura na que obtén o primeiro premio do certame de Narracións da Caixa Rural de Lugo. Versifica desde pequeno, pero di que non é poeta, “pois ser poeta é unha cualidade e non abonda con escribir versos”.

O autor ten publicado con Hércules os títulos “Eu estaba alí”, “Belesar, o orgullo de España”, “O Piloto, o último guerrilleiro” e “A morte do meu pai”.