Inauguración da Feira das Marabillas

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 24/07/2018 - 20:35 / Etiquetas: concello da coruña

 

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou esta mañá na inauguración da XXIV Feira das Marabillas, que se celebrará até o 29 de xullo na Cidade Vella. Tal e como apuntou o rexedor, este evento “marca, ao igual que a Feira das Artes Plásticas ou o Street Stunts, o pistoletazo de saída á tempada grande de festexos na Coruña, o que indica claramente que a actividade é continúa na cidade durante todo o verán”.

A Feira conta con máis de 200 postos, ofrece propostas lúdicas itinerantes para todos os públicos e ten, un ano mái entre as súas prioridades, o benestar animal. O alcalde lembrou ademais que, por vez primera, celebrarase nunha Cidade Vella “absolutamente peonil”, tras a posta en marcha do Plan municipal de Revitalización do barrio o pasado mes de xuño.  “A iniciativa é positiva para a dinamizaciónda zona. Na Coruña queremos un casco monumental vivo, non só un decorado”, expuxo o alcalde, quen lembrou que o barrio acollerá tamén, nas vindeiras semanas, “concertos do Festival Noroeste Estrella Galicia, da Banda Municipal e outras propostas de artes escénicas”.

Tamén para favorecer o tránsito veciñal e dar cobertura a todos os barrios, o Concello reforzará o servizo de transporte público urbano durante toda a semana. Así, ampliará, o horario da liña 1A (que terá a súa última saída ás 23.45 do Abente y Lago) e incorporará unha segunda unidade de autobús nocturno, que se achegará até os barrios de Monelos, Eirís, Pedralonga ou Palavea.