John Strasberg pecha a súa estadía na Coruña impartindo unha Masterclass no Teatro Colón

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 29/06/2018 - 00:31 / Etiquetas: teatro colon

O recoñecido actor, escritor e director norteamericano, John Strasberg, culminará este venres 29 de xuño a súa estadía no Teatro Colón da Coruña, co desenvolvemento dunha Masterclass en que achegará as trabes do seu traballo como actor, director e mestre de actores.

Tras pasar dúas semanas na Coruña, en que o director neoiorquino levou a cabo diversos obradoiros de interpretación e achegou o seu Proceso Creativo Orgánico a 31 actores e actrices, e 50 ouvintes, John Strasberg porá fin a súa viaxe por terras galegas cunha sesión especial en que exporá os seus coñecementos e experiencia profesional.

Moderada polo actor e alumno, Mateo Franco, a Masterclass do vindeiro venres 29 de xuño transformará o Teatro Colón (20:30 horas) nunha aula magna para acoller o acto de peche dun programa de formación elaborado conxuntamente polas áreas de Cultura da Deputación e o Concello da Coruña.  O acto será con entrada gratuíta previa reserva na web ou na billeteira do Teatro Colón. O público terá así oportunidade de gozar dunha sesión única con Strasberg como protagonista.

Baixo a organización de Mateo Franco e Zeitun Films, 80 persoas tiveron, antes do peche aberto ao público, a posibilidade de compartir escenario e interactuar co xenio norteamericano da interpretación. Desde o pasado 18 de xuño, en que botaron a andar as leccións maxistrais de interpretación  con John Strasberg, 31 artistas e 50 ouvintes, puideron gozar do luxo de ter a un dos grandes mestres da historia do teatro norteaméricano e mundial. Ademais, a iniciativa artellada por Mateo Franco, quen se formou con dúas bolsas da Deputación  na John Strasberg Studios de Nova York, tamén posibilitou a proxección  do filme "Accidentalmente a propósito", onde se narra a traxectoria de Strasberg e que precedeu  a unha charla-coloquio en que o director respostou ás preguntas do público asistente.

Strasberg, unha vida dedicada á interpretación

O traballo de Strasberg  continúa unha longa tradición da Escola Realista, que actualiza conceptos e técnicas interpretativas, humanizando o traballo de actores e actrices mediante o denominado Proceso Creativo Orgánico. 

Durante a súa traxectoria profesional, John Strasberg traballou con xente como Geraldine Page e conviviu con Marilyn Monroe, Paul Newman ou Tenesse Williams, entre outros. A sua carreira en Europa é moi salientable dirixindo unha grande cantidade de produccións, algunhas delas en España, con actores como Eusebio Poncela o Julieta Serrano.

Coa Masterclass do venres, Strasberg culmina a súa segunda visita á cidade da Coruña, despois de que en 2011 impartira un seminario que foi cando Mateo Franco o coñeceu antes de marchar no 2013 a estudar a Nova York cunha bolsa da Deputación da Coruña.