Luz verde ao inicio dos trámites de ordenación que derivarán na ampliación do comedor do CEIP Ramón de la Sagra

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 17/05/2018 - 00:03 / Etiquetas: concello da coruña, Comedor Ramón de la Sagra

 

A Xunta de goberno local aprobará de forma inicial, na súa reunión deste venres, o estudo detalle para a ordenación de volumes no CEIP Ramón de la Sagra, trámite necesario para levar a cabo o proxecto municipal de ampliación do comedor que emprega o alumnado de dito centro educativo. A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, indicou que con este proxecto, o executivo municipal pretende avanzar no camiño iniciado en 2015 para solucionar as eivas históricas detectadas nos centros escolares, incluso atendendo a actuacións que non eran da súa competencia. Segundo o responsable de Rexeneración Urbana Xiao Varela, “o obxecto do estudo detalle, cuxa posterior aprobación definitiva deberá ser ratificada polo pleno municipal, é a realización dunha ordenación de volumes nunha zona contigua á do comedor xa existente, que está sen edificar, e coa que se pretende ampliar o comedor”.

A titular de Xustiza Social recordou que o pasado ano, o goberno local xa acometeu as obras de reparación e mellora da zona de xogos infantís deste centro educativo “que se atopaba moi degradada, especialmente logo das polémicas obras acometidas pola Xunta de Galicia para a substitución dunha cuberta con presenza de amianto”.

Pola súa banda, o concelleiro de Rexeneración Urbana fixo notar a dilixencia coa que actuou o seu departamento, “que recibiu a mediados de febreiro a encomenda por parte da Concellaría de Xustiza Social da redacción do proxecto de reforma do comedor, o que precisa deste necesario trámite de ordenación de volumes”. Varela salientou “o traballo que está a levar a cabo o Concello no centros educativos da cidade, que se ve referendado con investimentos históricos neste eido”. Así, recordou que o pasado abril, o Pleno municipal tamén deu luz verde a aprobación definitiva do estudo detalle para a ordenación de volumes no CEIP da parcela de San Francisco Xabier, trámite fundamental para a construción da demandada cuberta para o patio do colexio e que comportaba unha problemática especial, que radicaba no feito de que o cauce subterráneo do río Monelos atravesa o recinto do centro educativo e linda coa zona na que se prevé a construción do patio cuberto.