Luz verde ao novo prego de condicións que rexen o arrendamento como establecemento hoteleiro do espazo municipal no que se asenta o NH Atlántico

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 18/05/2018 - 15:48 / Etiquetas: concello da coruña, NH Atlántcio

 

A Xunta de goberno local aprobou este venres os pregos de condicións que rexerán o novo contrato de arrendamento do inmoble municipal situado nos xardíns de Méndez Núñez e no que na actualidade se asenta o Hotel NH Atlántico. A intención do executivo municipal é adxudicar o novo contrato mediante a fórmula de poxa por procedemento aberto, toda vez que o próximo agosto remata a concesión vixente, xusto cando se cumpren 50 anos do período máximo de explotación que aparece recollido no contrato. Os pregos, que esta xornada foron ratificados pola xunta de goberno, especifican que o inmoble deberá destinarse a uso hoteleiro respectando os termos e condicións sinalados no mesmo, tendo o novo contrato de arrendamento, neste caso, unha duración improrrogable de 20 anos, a máxima que permite a lexislación actual.

A valoración das distintas propostas de licitación basearase na oferta económica máis vantaxosa e establecerase un prezo mínimo de adxudicación, que poderá ser logo mellorado á alza nas distintas ofertas e que se establece en 1.007.761 euros ao ano (sen IVE). “Un prezo dentro das condicións de mercado”, comentou este venres o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, rematada á Xunta de goberno local, á vez que recordou que a sociedade Parisiana SA, que na actualidade ostenta esta concesión administrativa, aboa “pouco máis de 2.500 euros ao ano pola ocupación dun edificio público destas características”.

Ferreiro recordou que, dende a súa chegada ao Pazo de María Pita, o grupo de goberno emprendeu un proceso de revisión das concesións municipais. Precisamente, froito dese proceso de revisión, o pasado ano o xulgado contencioso administrativo número 1 da Coruña amparou a interpretación que no seu momento realizou o executivo local --que sitúa a data de inicio da concesión en 1968, tal e como ratifican numerosos arquivos fotográficos e xornalísticos da época-- da fin do período de explotación actual do inmoble. O arrendamento do citado inmoble anunciarase no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e no Perfil do Contratante do Concello, momento dende o cal se establecerá un período de 20 días naturais para a presentación das ofertas.

Os pregos especifican que, ademais da obrigatoriedade de manter o uso hoteleiro do inmoble, o adxudicatario da explotación estará obrigado non só ao pago da renda, senón a facerse cargo “dos gastos derivados do subministro de auga, lixo, tratamento de residuos e electricidade”. Do mesmo xeito que, non sendo posible nin o traspaso, nin o subarrendo, nin a cesión da explotación, calquera tipo de obra que modifique a configuración do espazo deberá contar coa necesaria autorización municipal.

Condicións esenciais do contrato

O primeiro edil coruñés salientou que o novo contrato, do mesmo xeito que todos aqueles que puxo e pon en marcha o actual executivo municipal, busca garantir, mediante unha serie de cláusulas tanto o coidado do medio ambiente como o respecto e coidado dos dereitos laborais dos e das traballadoras. Así, no que atinxe a cláusulas sociais de obrigado cumprimento, os pregos especifican que o arrendatario do inmoble “deberá manter, como mínimo, o mesmo número de traballadoras que figuran na actual plantilla do NH Atlántico ao longo de toda a execución do contrato”, así como garantir, como mínimo, as condicións retributivas establecidas no convenio colectivo do sector. “O arrendatario tamén deberá contar cun plan de igualdade, que conteña medidas tendentes a acadar a igualdade de trato e oportunidades entre homes e mulleres”, apuntou o primeiro edil, que tamén recordou que as condicións medio ambientais establecidas obrigan ao cumprimento da actual lexislación na materia. “O incumprimento de calquera destas cláusulas pode ser motivo de resolución do contrato”, aclarou o mandatario local.

Sobre a decisión de manter os usos hoteleiros no novo contrato de arrendamento, Ferreiro indicou que o Concello tomou esta determinación “unha vez resolta xa a cuestión da localización dunha residencia pública universitaria, cousa que se está a materializar no Calvo Sotelo grazas a un acordo entre Universidade, Deputación e Concello”, dixo.

Ramón de la Sagra

Ferreiro tamén salientou outros asuntos que recibiron o visto e prace da Xunta de goberno local, como o estudo detalle para a ordenación de volumes no CEIP Ramón de la Sagra, trámite necesario para levar a cabo o proxecto municipal de ampliación do comedor que emprega o alumnado de dito centro educativo. O responsable municipal indicou que con este proxecto, o executivo municipal pretende avanzar no camiño iniciado en 2015 para solucionar as eivas históricas detectadas nos centros escolares, incluso atendendo a actuacións que non eran da súa competencia. O obxecto do estudo detalle, cuxa posterior aprobación definitiva deberá ser ratificada polo pleno municipal, é a realización dunha ordenación de volumes nunha zona contigua á do comedor xa existente, que está sen edificar, e coa que se pretende ampliar o comedor.

Durante a súa intervención, o alcalde deu conta tamén do informe relativo a licenzas e demais títulos habilitantes trasladado polo concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, á xunta de goberno local desta mañá, que se corresponde co tramitado desde a súa área entre o 2 e o 14 de maio. Neste período, este departamento resolveu un total de 187 expedientes, dos cales 20 son licenzas urbanísticas, 79, comunicacións previstas ao inicio de obras e 64, comunicacións previas ao inicio de actividade, ademais de 24 expedientes relativos a outra clase de títulos.