Máis de 132.000 persoas visitan a Torre de Hércules no 2017

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 02/01/2018 - 08:36 / Etiquetas: concello da coruña, torre de hércules

 

​A Torre de Hércules vén de rexistrar, no pasado 2017, a mellor cifra de visitantes dos últimos cinco anos. En total, o monumento recibiu, desde o 1 de xaneiro e até o 23 de decembro, a visita de 132.164 persoas, o que supera en máis de 4.300 a cifra total de visitantes do ano pasado, 127.847 persoas. “Aínda que son datos parciais, xa que habería que sumar os datos do período de Nadal, os rexistros confirman a aposta do goberno local pola proxección da Coruña, a través do seu patrimonio cultural e natural, como destino turístico de calidade”, sinala o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e responsable municipal de Turismo. Os datos, cualificados como “moi positivos” polo edil, superan as cifras dos exercicios de 2015 (117.427), 2014 (113.849) e 2013 (116.946). “A tendencia ascendente en relación ao turismo que estamos a observar nestes últimos anos na Coruña, e que se pode observar en relación ao incremento do nivel de ocupación hoteleira, é evidente na circunstancia dun elemento como a Torre de Hércules. É clarificador que o momumento, sen dúbida un dos símbolos patrimoniais da nosa cidade, experimente, por tercer ano consecutivo, un aumento exponencial de visitas”, sentencia Lema, quen destaca especialmente a alta afluencia de visitas no verán. Entre os meses de xullo e setembro, 63.042 persoas coñeceron o faro coruñés, que celebrou o VIII aniversario da súa inclusión na Lista do Patrimonio Mundial. Ante a afluencia de visitantes neste período, o Concello puxo en marcha no mes de agosto un novo sistema de cara a facilitar o acceso ao monumento, mediante o cal as persoas que se achegaron ao mesmo recibiron unha tarxeta que especificaba o tramo horario no que debían acudir para poder acceder á Torre. A medida, tal e como destaca Alberto Lema, “permitiu reducir os tempos de espera para visitar o faro en máis de 45 minutos”.

As cifras do verán tamén supoñen unha notable mellora dos rexistros respecto a pasados exercicios, nos que a Torre recibiu 61.364 visitas no de 2016, ou 58.012 no de 2015. “O atractivo do faro e da súa contorna é indiscutible”, sinala o edil, que destaca a aposta que o goberno local está a realizar a prol da potenciación do turismo patrimonial na Coruña. Neste sentido, o responsable de Turismo lembra que o executivo municipal impulsou, da man da Universidade de Coruña, a celebración dunhas xornadas sobre os desafíos da sustentabilidade do turismo patriomonial e cultural o pasado mes de setembro, e que a cidade acollerá este ano o XII Encontro de Xestores de Patrimonio Mundial. Será a primeira vez que A Coruña acolla este foro, no que cada ano participan un cento de responsables da xestión de espazos inscritos na Lista de Patrimonio Mundial do Estado. “O labor que se está a realizar en relación a protección e mellora da contorna da Torre de Hércules, así como a aposta e promoción do Camiño Inglés, foron cuestións fundamentais á hora de escoller o municipio como sede do Encontro”, asevera Lema.

Procedencia das visitas

En relación á procedencia das e dos visitantes, o faro recibiu, entre os meses de xaneiro e novembro, un 71,7% de visitas doutras cidades e zonas do Estado. Galicia foi a comunidade autónoma que aportou o maior número de visitas (27,1%), seguida de Madrid (15,2%), Andalucía (9,78%) e Cataluña (9,24%). No plano internacional, Europa (18%) e América (8,05%) foron os continentes dos que chegaron o maior número de turistas do estranxeiro, mentres que a cifra de visitantes de África, Asia e Oceanía se achega ao 1,52% do total. Os países europeos que rexistraron parte das visitas foron Francia (15,8%), Italia (14%), Alemania (13,4%), Reino Unido (13,2%) e Portugal (12,7%). No caso americano, a meirande parte das e dos turistas procederon dos Estados Unidos (28%), Arxentina (23,6%), Brasil (9,25%) e México (8,05%).