0 comment
Aurora Paz ViruetGrupo de Relato de Marea AtlánticaMay 282017

A Marea Atlántica: Dous anos de municipalismo

    

O 24 de maio, hai xa dous anos, unha marea chegou ao Concello coruñés con ganas de cambiar a sociedade, de facer unha política pola xente e para a xente. Pese aos bos datos das enquisas, ninguén esperaba semellante e tan radical éxito. Tras unha intensa e agotadora campaña electoral, recordo levantarme aquel domingo cunha certa sensación positiva e con ganas de ir exercer o meu dereito democrático e seguir o reconto, preguntándome se conseguiríamos algún máis dos sete escanos que auguraba a prensa ou se levaríamos a decepción de acadar un menor número. Recordo tamén, cando empezou a intuírse o resultado, o teléfono móbil vibrando cada dous por tres, con mensaxes dos compañeiros e amigos que variaban entre a sorpresa e a emoción tanto pola Coruña como polas grandes capitais do país (especialmente Madrid), e decidir entón achegarme ao local de entón da Marea Atlántica, onde estábanse a seguir as noticias en diferentes pantallas tamén nos bares da zona. Pouco a pouco achegábase máis xente, con xestos de profunda alegría, ate encher toda a rúa, na que os diferentes medios da prensa afanábanse por entrar para acadar un fragmento da noticia. Durante horas celebramos que, por vez primeira, os “nosos” gañaban uns comicios, e non só na nosa cidade norteña senón de xeito xeneralizado en outros lugares de Galicia e de España, marcando o posible inicio da mudanza política que os anos de crise fixeran tan urxente e necesaria. Diversos grupos de xente de diferente orixe política xuntábanse na espontánea festa, aplaudindo alporizados aos que serían futuros alcalde e concelleiros, cantando, dándose abrazos e algún ata soltando sendas bágoas de ledicia, evidenciando o éxito que a confluencia das esquerdas e da maioría social podía ter cando se organizaba conxuntamente en unidade popular, deixando ao seu carón as diferenzas para poder alcanzar o ceo e mudalo todo, e recordando que sempre “o povo é quem máis ordena”.

Non foi fácil chegar ata aquí, nin foi cousa sinxela gobernar en minoría; contamos sempre co desprezo dos vellos adalides dos poderes económicos, ademáis de tozudos bloqueos por parte dunha oposición que sorprendeu cos seus portazos na cara ante calquera proposta alternativa, a zancadilla dos brutais recortes económicos ao presuposto municipal, por non falar da evidente campaña de acoso e derribo levada a cabo por certos medios de comunicación e algunha que outra asociación relixiosa de municipios pretos. Sen embargo e pese aos obstáculos postos no camiño, chegamos ao ecuador da lexislatura constatando as profundas mudanzas, en tantos ámbitos, que esta nova política trouxo para a nosa cidade, e tamén para os outros municipios chamados “do cambio” como Santiago de Compostela, Ferrol, Cádiz, Madrid, Barcelona, Valencia, Iruña ou Zamora. En todos estes lugares demostramos que a cidadanía pode autoxestionarse dunha maneira sensata cando conséguese organizar.

A Coruña pasou, nestes dous anos, de ser un dos lugares de acumulación de titulares pola corrupción (recordemos a ben soada trama “Pikachu”), a converterse nunha referencia en políticas culturais, igualitarias e de novas formas de goberno baseadas na participación cidadá, deixando de lado os intereses particulares e dos poderosos para pensar na cidade e nos seus habitantes maioritarios. A Marea Atlántica centrouse no desenvolvemento urbano sostible, a mobilidade, o interés polo espazo público e a aposta pola proximidade dos barrios máis esquecidos, o coidado do medio ambiente, a xustiza social e a loita contra a desigualdade (co punto álxido da Renda Social Municipal levada a cabo pola concelleira de Xustiza Social e Coidados Silvia Cameán)e o emprego (sendo pioneiros na baixada do paro na nosa comarca no que vai de 2017), ademáis do impulso á actividade económica e a dinamización dos mercados municipais. Destacaron, asemade, os novos mecanismos de participación cidadá, como as activas mareas barriais e sectoriais ou os procesos dos Orzamentos Participativos, cos que a poboación coruñesa tivo a oportunidade de propoñer, decidir e votar en qué invertir o presuposto anual da cidade. Foi tamén importante o cumprimento, por fin, da Lei de Memoria Histórica, e o impulso á nosa cultura no musical, no literario e no mundo gráfico. Finalmente, déronse sendos avances na igualdade, con marcado impulso ao feminismo e ás políticas de visibilidade e normalización do colectivo LGBT. 

Hai que ser conscientes tamén das equivocacións cometidas e de todos os conflictos aos que aínda pódeselles dar unha resposta adecuada. Aínda así, cómpre recoñecer o acadado pese a ter que navegar en augas dificultosas e con toda a corrente na túa contra. Moito máis está por dicir, e moitas máis loitas haberá que enfrontar; pero, a dous anos dos próximos comicios electorais, é de xustos recoñecer os éxitos, de sabios identificar os erros, e sobre todo esperamos que a Marea Atlántica continúe o seu camiño, gobernando a prol da maioría social e bregando por mudar a política, a economía e a sociedade.