"Mediación na Rúa" atende a máis de 100 persoas

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 21/06/2018 - 08:45 / Etiquetas: concello da coruña, Mediación na Rúa

 

A concelleira de Xustiza Socia e Coidados, Silvia Cameán, salientou este mércores os resultados obtidos polo novo programa de Mediación Xuvenil na Rúa posto en marcha polo seu departamento a finais do ano pasado, e que atendeu a un total de 101 persoas. Esta nova iniciativa ten como obxectivo previr condutas de risco que poden derivar en hábitos non saudables, así como evitar conflitos que, por este motivo, se poidan xerar no ámbito comunitario. As destinatarias deste programa, que se retomará o vindeiro curso, son mozas e mozos que empregan a rúa como espazo de ocio. A primeira edición deste programa levouse a cabo co traballo de equipos específicos de educadoras sociais que actuaron en tres zonas da cidade: Labañou/Os Rosais/Mariñeiros, Monte Alto e Cidade Vella e Monelos e Elviña. O programa desenvolveuse en varias fases, que se iniciaron cunha diagnose da situación na que se identificaron os factores de risco comúns aos que se enfronta este colectivo de mozas e mozos. A segunda é a fase de inmersión, onde as educadoras de rúa estableceron contactos cos e coas menores, necesarios para dar paso á terceira fase, a de acompañamento, na que se dá información á xuventude sobre os recursos educativos, laborais ou de ocio que favorecen o afastamento das condutas de risco.

“A última fase, a de avaliación, é na que se analizan os datos e resultados obtidos”, dixo Cameán, quen manifestou a satisfacción polo traballo desenvolvido na primeira edición “dun programa que, dende logo, é pioneiro e no que aínda temos moito que afondar, pero no que se interveu a máis dun cento de persoas”. O traballo das educadoras de Mediación Xuvenil desenvolveuse tanto na propia rúa como con actividades nos centros cívicos da contorna. “En total, este programa desenvolveuse ao longo de 60 días nos que se levaron a cabo case 200 horas de actividades na rúa, así como 30 horas en centros cívicos”.

O traballo desenvolvido dentro do programa de Mediación Xuvenil na Rúa serviu para facee acompañamento a mozos e mozas que presentaban unha serie de factores de risco comúns, como é o caso de dificultades de comunicación no ámbito familiar, discriminacións sexistas, a busca dun grupo-refuxio no que sentirse adaptado, prácticas sexuais de risco, ausencia de alternativas de ocio e/ou consumo de drogas. “O traballo desenvolvido contou, ademais, coa colaboración de entidades veciñais e os centros cívicos, como é o caso das asociacións veciñais dos Rosais, dos Mariñeiros, de persoal do Colexio Calasanz, Cruz Vermella, o Centro Municipal de Emprego, o Centro de Formación Violetas, Asociación de Danzas Urbanas, Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña ABAC, Asociación de Voluntarios para Axuda a Necesitados AVAN, Asociación de Axuda a Vítimas de Violencia de Xénero AXATAC, Secretariado Xitano, IES Adormideras, Dominicos, Centro Abeiro e Fundación Ronsel.

A concelleira salientou que, logo do coñecemento e diagnose das problemáticas destes colectivos, as educadoras sociais traballaron en distintas liñas como son a redución do absentismo escolar, a orientación laboral, a mellora das carencias afectivo sexuais, o fomento do civismo e a convivencia, a sensibilización sobre o consumo de drogas, o tabaquismo en idades temperás e os comportamentos sexistas, así como o traballo para o desenvolvemento de habilidades sociais. Cameán destacou a intención do goberno local de continuar con este programa no vindeiro curso “onde, entre outras cousas, esperamos profundar en futuras fases de actuación como promocionar actividades de ocio saudable, impulsar conductas cívicas e facer máis fincapé en actividades de concienciación sobre a igualdade”.

Das 101 persoas atendidas neste programa de Mediación na Rúa, o Concello traballou con 55 (38 homes e 17 mulleres) no grupo conformado en Labañou, Os Rosais e Mariñeiros; 30 (26 homes e 4 mulleres) en Monte Alto/Cidade Vella, e 16 (12 homes, 4 mulleres) en Monelos e Elviña.