0 comment
Carlos Nogueira...Carlos Nogueira e Brais García, Grupo de Relato de Marea AtánticaSeptember 102017

Meirás: recuperar o patrimonio, recuperar a dignidade

 

Oito décadas pasaron dende que a familia Franco roubou o Pazo de Meirás ao pobo galego. Oito décadas de constantes humillacións para as veciñas de Sada e de todo o país, que ven como, 42 anos despois da morte do ditador, e sen perder moitos dos seus privilexios e propiedades, a súa estirpe continúa a rirse de centos de miles de vítimas. A última, coa cesión da xestión do servizo de visitas ao Pazo á Fundación Francisco Franco, que, segundo o seu portavoz, aproveitaría a magnífica ocasión para facer apoloxía dos crimes cometidos durante a guerra civil e a ditadura, para facer apoloxía, en definitiva, do fascismo. Agora, deciden a cancelación das visitas por “motivos de seguridade”, saltándose a norma que lles obriga a abrir polo menos catro días ao mes, o que non é máis que outra burla á democracia. Porén, é hora de dicir basta. Chegou o tempo de esixir de vez a devolución do edificio a quen nunca debeu deixar de ser o seu dono, recuperando así a dignidade dos desposuídos. 

Dada a gravidade da situación, entendese a moción que a Marea Atlántica presentará no vindeiro pleno municipal o luns 11 de setembro con obxecto de reclamar o fin da xestión por parte da Fundación da visitas ao Pazo de Meirás e a recuperación deste para a titularidade pública. Nesta proposta, instarase á Xunta de Galicia a autorizar que sexa o Concello de Sada o encargado de prestar ese servizo. Esta moción é unha das moitas que se presentarán ao longo de centos de concellos do país. Todas elas seguirán a senda fixada o 12 de agosto no pleno municipal de Sada, cando as forzas progresistas aprobaron a moción presentada por Sadamaioría que reivindicaba a lóxica devolución e á vez propuña unha solución, ofrecéndose a xestionar dende o Concello ditas visitas. 

O traballo institucional neste caso é chave para dita recuperación, pero precisamos de coraxe e astucia, tanto no plano administrativo como no da mobilización social. Por iso, para levar a cabo esta tarefa, necesitamos da colaboración e cooperación de todas as forzas políticas e institucionais progresistas no país, no estado e na Unión Europea. Requirimos do apoio de todas as forzas do cambio, mais debemos ser quen de ir alén delas, de desbordar as institucións, os partidos e os movementos, evitando tanto o inmobilismo como as posibles cooptacións. Precisamos creatividade e intelixencia para continuar no camiño da recuperación do Pazo de Meirás, para Sada e para Galicia. 

Por outro lado, esa idea de desborde ten que materializarse en atopar as ferramentas que logren unha gran implicación da cidadanía que de forma autoorganizada sexa quen de liderar un movemento de recuperación da dignidade e da memoria. Porque a situación actual do Pazo de Meirás é algo vergoñento para unha sociedade que se queira definir como demócrata, mais só é unha pata de todo ese entramado de reminiscencia franquista que aínda vive no estado. Doutra forma non se pode explicar que se permita o enaltecemento dunha ditadura de case 40 anos de duración por parte dunha fundación que noutro estado estaría ilegalizada. A presión popular debe ser quen de lograr unha lei de memoria histórica que prohiba este tipo de fundacións e calquera outra forma de apoloxía do franquismo. 

Semella que neste país aínda é posible etiquetarse como demócrata sen previamente asumirse como antifascista. Temos que dar tamén esa batalla, e pedir rotundidade ao Partido Popular e a Feijóo. Ningunha persoa se pode definir como demócrata sendo tibia co fascismo para gañar un deixe de voto de nostálxicos do réxime, a menos que queira contarse entre eles. Non se pode caer na hipocrisía de criticar de palabra e deixar facer nos feitos. Non podemos permitilo, e conseguiremos, mediante a forza que nos dan decenas de Concellos do cambio e a mobilización cidadá recuperar o Pazo para o pobo. Non podemos permitilo de novo, non pasarán!