Mocións a debatir no pleno de este luns

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 05/02/2018 - 13:53 / Etiquetas: pleno coruña, Mocións Pleno

 

O grupo de goberno local solicitará ao Pleno municipal, que celebra esta tarde a súa reunión ordinaria mensual, que apoie a folga xeral de mulleres prevista para o próximo 8 de marzo. Coa vista posta no próximo Día Internacional da Muller, o grupo municipal que sustenta ao Goberno local quere propoñer á Corporación que respalde o paro xeral de mulleres convocado co respaldo de organizacións e colectivos políticos, sociais e sindicais e, deste xeito, “facilitar con todos os medios materiais, personais e de difusión as manifestacións, concentracións, actividades e actos que convoquen as asociacións de mulleres”. Trátase dunha convocatoria “de denuncia fronte ás desigualdades, as discriminacións e as violencias estruturais que sofre máis da metade da poboación mundial, as mulleres, pero tamén de reivindicación dun novo modelo social, xusto, democrático e igualitario”, indícase na proposta. A moción prevé tamén facer un chamamento á cidadanía e ao tecido social coruñés e do resto do país para que se una ás mobilizacións previstas nun día que será festivo local na Coruña.

Polo bosque autóctono

O Pleno municipal tamén debaterá unha moción conxunta -apoiada polos grupos de Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e BNG- sobre a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular para a “protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais”. No texto da moción, as entidades impulsoras estiman que, a finais do ano 2016, a superficie de eucaliptais en Galicia podería superar xa as 500.000 hectáreas, “duplicando a falta de 13 anos as previsións máximas do Plano Forestal de 1992”, que autorizaba, para o horizonte do ano 2032, unha extensión máxima do eucalipto dunhas 245.000 hectáreas.

O texto, presentado pola Alianza por un Rural Galego Vivo -que conforman CIG, Fruga e a Organización Galega de Comunidades de Montes- e Cousa de Raíces, demanda que a corporación apoie a iniciativa e así o traslade á presidencia do Parlamento de Galicia, ás portavocías dos grupos parlamentarios e ao presidente da Xunta de Galicia.