Neneh Cherry, Maria del Mar Bonet e James Holden & The Animal Spirits, pratos fortes do ciclo Selección Noroeste 2018

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 20/06/2018 - 13:24 / Etiquetas: Noroeste Estrella Galicia

 

O 32º Festival Noroeste Estrella Galicia repetirá por segundo ano consecutivo a súa aposta por abrirse a novos públicos e formatos e contará con tres directos singulares a cargo de tres artistas internacionais, que poderanse gozar comodamente desde o patio de butacas de dous dos escenarios máis emblemáticos da Coruña, o Teatro Colón e o Teatro Rosalía Castro. Neneh Cherry será a encargada de inaugurar o ciclo Selección Noroeste 2018 no Colón o martes 7 de agosto, ás 20.30 horas, a golpe da mellor mestura de pop, rap, r’n’b e música de baile. Pola súa banda, a cantautora Maria del Mar Bonet celebrará 50 anos de escenarios cunha actuación única o mércores 8 de agosto, ás 20.30 horas, sobre as táboas do Teatro Colón. Finalmente, James Holden & The Animals Spirits darán renda solta á súa cegadora electrónica, con trazas de jazz espiritual e trance folk, o mesmo mércores 8 de agosto, ás 20.30 horas, no Teatro Rosalía Castro. As entradas para os tres directos intimistas que compoñen esta Selección Noroeste 2018 estarán dispoñibles a partir do luns 2 de xullo a través da plataforma on line ticketea.

TRES NOVAS BANDAS E ARTISTAS CONFIRMADAS NO NOROESTE ESTRELLA GALICIA 2018

JAMES HOLDEN & THE ANIMAL SPIRITS. Fai xa máis dunha década que o produtor británico de música electrónica e DJ James Holden debutou con The Idiots Are Winning (2006) e provocou que medios como The Guardian se atreveran a afirmar que era “o máis cegador debut na electrónica desde Music Has The Right To Children, de Boards Of Canada”. No seu segundo álbum, The Inheritors (2013), seguiu evocando aos citados Boards Of Canada, coa súa rigorosidade rítmica, pero tamén coa psicodelia de Clúster e Popul Vuh. A finais de 2017 viu a luz o seu terceiro traballo co título de The Animal Spirits, nome da súa banda de acompañamento actual, coa que rexistrou o traballo en Londres. Nel, Holden experimentou unha transformación bastante radical, buscando, en palabras do propio artista, algo próximo ao “jazz espiritual interpretando música de trance folk”. Os seus sintetizadores non perderon nada do seu vigor melódico, pero engadiu a vibración orgánica de ventos e percusión gravados en directo dando lugar a “a súa obra máis ambiciosa, pero tamén a máis accesible”. Cando? Mércores 8 de agosto, ás 20.30 horas, no Teatro Rosalía Castro.

MARIA DEL MAR BONET. Da escola de artes e oficios de Palma de Mallorca á Barcelona do tardofranquismo. Maria del Mar Bonet chega á capital catalana en 1967, con apenas 20 anos, e desde alí logra integrarse no movemento da Nova Canço a través do colectivo musical Els Setze Jutges, que contaba nas súas filas con figuras tan destacadas como Joan Manuel Serrat Serrat, Raimon ou Lluís Llach. A finais de 1970 ve a luz o seu primeiro traballo, un disco homónimo que, sen embargo, xa fora precedido por tres sinxelos: Cançons de Menorca (1967), Què volen aquesta gent? (1968) e Jo em donaria a qui em volgués (1969). Estreando discográfica, Boccacio Records, tras coñecer ao produtor Alain Milhaud, a principios dos 70, Bonet colleita o seu maior éxito coa versión de L’àguila negra, da cantante francesa Barbara, acadando o disco de ouro e gran popularidade en todo o país. En 1974 colabora co cantautor madrileño Hilario Camacho, quen lle axuda a musicar dúas das súas cancións e varios poemas de Bartomeu Rosselló-Pòrcel e Joan Alcover nun traballo que contaba cunha portada deseñada polo mismísimo Joan Miró. Desde finais dos 70, María del Mar Bonet seguiu editando periodicamente as súas cancións sempre interesada en colaborar con artistas de diferentes estilos e raíces. No seu último traballo, Ultramar (2017), gravado en Cuba con músicos nativos, explorou a comunión entre as tradicións musicais e poéticas de Mallorca e a illa caribeña. Agora chega ao 32º Festival Noroeste Estrella Galicia para celebrar os seus 50 anos de escenarios cun directo moi especial. Cando? Mércores 8 de agosto, ás 20.30 horas, no Teatro Colón.

NENEH CHERRY. Nada en Estocolmo, filla natural do baterista afro-sueco Amadu Jah e fillastra do multiinstrumentista de jazz Don Cherry, de quen tomou o seu apelido, Neneh Cherry foi raíña indiscutible nos 90 na arte de mesturar a música pop co rap, o r’n’b e a música de baile. Irrompeu con frescura e ousadía en 1989 publicando o seu primeiro disco, Raw Like Sushi, que se propagaría polo continente europeo chegando a ocupar o número dous das listas de éxitos en Reino Unido. O seu debut incluía ademais dous sinxelos que lle bastarían para pasar á historia: Buffalo Stance e Manchild, aparte de colaborar pola época cun dos primeiros paradigmas do trip hop, o grupo de Bristol Massive Attack. Despois chegarían Homebrew (1992) e Man (1996), onde de novo a sintonía con outros artistas, neste caso con Youssou N' Dour no tema 7 Seconds, depararíalle gran popularidade internacional. Na liña de abandonar a súa soltería musical, e ben estreado o século XXI, Cherry puxo en marcha outros proxectos. A formación dunha nova banda, CirKus (2006), e un álbum co trío sueco de jazz The Thing, ata que, en 2014, ante a expectación dos seus fans, decidiu asinar o seu primeiro disco en solitario en case 20 anos, Blank Project. Tras unha ampla experiencia vital e artística, o Festival Noroeste Estrella Galicia recibirá este verán á mellor versión de Neneh Cherry. Cando? Martes 7 de agosto, ás 20.30 horas, no Teatro Colón.

O NOROESTE ESTRELLA GALICIA, UNHA CITA ÚNICA QUE EN 2018 CELEBRA A SÚA 32 EDICIÓN. Como cada ano, A Coruña transformarase en agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2018, o festival celebrarase do 7 ao 12 de agosto e contará con máis de 100 bandas e artistas que inundarán cos sons máis eclécticos -pop, rock, indie, heavy, vangarda, fado, hip hop, fusión, folk, punk, noise, canción de autor, etc.- todos os recunchos urbanos da cidade. Dentro do cartel para esta 32º edición, que segue fiel á súa aposta pola calidade, a contemporaneidade e a singularidade de todos os seus directos, están xa confirmados os nomes de Ana Curra, Aullido Atómico, Bea a de Estrella, BFlecha, Capsula, Carla Green & The Demons, Christina Rosenvinge, Dead Witches, Dona Rosa, Glitchgirl, Group A, Hexany, Honeymoon Disease, Kabbalah, Laetitia Sadier Source Ensemble, Maria Arnal i Marcel Bagés, Mordem, Morgan, Mueran Humanos, Nathy Peluso, Oh!Mega, Playa Desmayo, Rocío Márquez, The Big Lis Gumbo Band, The Devils, The Lákazans, The Limboos, Wondermind y ZA!

O Festival Noroeste Estrella Galicia é unha cita musical única en España, que ofrece un programa atractivo de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 60.000 persoas. Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, o Noroeste está organizado polo Concello da Coruña e conta coa colaboración especial de Estrella Galicia. Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia apostará polas bandas locais e galegas e buscará ser o reflexo dunha cidade moderna e fundamentalmente musical. Da súa man, A Coruña abrirase a novos camiños, a novas maneiras de facer e de mirar, consolidándose coma un reclamo de turismo experiencial, contemporáneo e singular. 

Fiel á filosofía que ven caracterizando ao festival nas súas últimas edicións, o Noroeste Estrella Galicia manterá en 2018 o seu carácter urbano e aos 15 escenarios que deron cabida aos concertos en 2017 -a Praia de Riazor, o Castelo de Santo Antón, a Praza de San Nicolás, a Fundación Luís Seoane, a Casa Museo Casares Quiroga, o Campo da Leña, a Praza das Bárbaras, as rúas de Torreiro ou Capitán Troncoso e o Parque do Paseo das Pontes, entre outros- sumaranse novas localizacións para ofertar ao público novas experiencias e novas formas de interactuar coa cidade a través da música.

En 2018, o Noroeste Estrella Galicia repetirá a súa aposta por ofrecer ciclos de programación para todo tipo de públicos a diferentes horas do día e da noite. Na súa 32º edición contará de novo con sesións matinais (para ampliar a experiencia da cidadanía tamén no mediodía, da man de bandas con pegada da escena galega e estatal) e o Ciclo Selección Noroeste (con directos exclusivos en teatros e recintos a cuberto da cidade). O Mercado da Colleita, de Hijos de Rivera, celebrarase de novo en paralelo á súa sesión de música dominical. 

O Concello da Coruña e Estrella Galicia continúan a súa colaboración trala firma en 2016 dun convenio institucional relativo á programación cultural que se pode gozar na cidade e que ten como máximo expoñente ao Noroeste. Ademais, o festival contará co apoio de Cuac FM e Desconcierto Cultural.