Nocturnia incrementa nun 20% as prazas

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 12/03/2018 - 14:13 / Etiquetas: Nocturnia

 

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentou a nova programación de actividades de Nocturnia , o programa de lecer alternativo destinado a mozas e mozos de entre 12 e 30 anos que ten, como obxectivo, favorecer unha educación para o lecer saudable e xerar hábitos que promovan o desenvolvemento integral da xuventude. En total, entre os meses de marzo e xullo, haberá 2.036 prazas dispoñibles para unha edición que contará con 111 propostas diferentes de actividades que abranguen iniciativas deportivas, formativas, culturais e recreativas. Tal e como sinalou a edil, este ano o programa incrementa un 20% o número de prazas ofertadas, fronte ás 1.700 do 2017, e un 32% as iniciativas abertas á cidadanía respecto á edición da pasada primavera, na que se presentaron 84. “Hoxe presentamos unha ampla e diversa programación, que aumenta pola alta demanda de mocidade en relación á propostas alternativas para gozar do seu tempo de lecer. Falamos dun programa na que todas as mozas e mozos da Coruña atoparán propostas para todos os gustos, incluídas as solicitadas polas propias persoas usuarias, e que son ofertadas, á vez, por numerosas entidades da cidade”, explicou a concelleira. Así, nesta edición, Nocturnia contará coa colaboración de 18 asociacións e 7 colectivos informais locais vinculados á mocidade.

As actividades, que son gratuítas, desenvólvense habitualmente en horario nocturno os venres e sábados, agás en propostas puntuais que poidan ter lugar ao longo de toda a xornada ou noutro momento do día; e desenvólvense en distintos equipamentos municipais, como son o Pazo dos Deportes, Ágora, Fórum Metropolitano, Espazo de Iniciativas Xuvenís (EIX) ou Centro Social Sagrada Familia, que se incorpora á nova quenda de programación. Tamén haberá, como é habitual, diversas propostas de lecer vinculadas ou ao aire libre, e que levarán aos grupos de participantes até espazos urbanos ou naturais, como a praia de Oza, o Monte de San Pedro, así como a zonas verdes doutros municipios, como poden ser o Monte Pindo, as pozas naturais do río Pedras, na Pobra do Caramiñal, ou a praia de Area Negra de Cedeira. Nesta edición, tal e como destacou Claudia Delso, afondarase tamén nas actividades vinculadas ao mar e ao deporte náutico, entre as que se inclúen propostas como bautismo de mar, iniciación ao surf e ao snorkell ou saídas diurnas e nocturnas de navegación.

Entre as actividades desta primeira fin de semana, cuxo prazo de incrición abrirase hoxe e até o 15 de marzo, atópanse ás vinculadas á programación municipal polo Día Internacional das Mulleres, de xeito que se poderá participar nun roteiro en feminino, ao obradoiro de ilustración Bravas, ou Educando en Igualdade. Tamén será posible participar nun taller de teatro, xogo e improvisación, ou de cestería en papel, e incluso, durante toda a xornada do sábado, nunha ruta pola fervenza da Toxa: Natureza e cultura en Silleda . De cara á vindeira fin de semana, cuxa inscrición estará aberta do 19 ao 22 de marzo, ofreceranse talleres de iniciación á caligrafía, estampación con selos, tote bag, fútbol flag ou saídas nocturnas vinculadas á presenza de Picasso na Coruña así como a astronomía.

Durante o mes de abril, inciaranse as actividades máis vinculadas ao ámbito deportivo, no Pazo dos Deporte e no Ágora. Así, terán lugar obradoiros de zumba, esgrima, danzas polinesas, técnicas aéreas de circo ou escalada, ademais dun bautismo de mar ou iniciación ao piragüismo na praia de Oza. Tamén comezarán os talleres de cociña vegana, xaponesa e para a emancipación ; aqueles vinculados con manualidades, como scrapbooking, microencadernación; e continuarán as saídas para coñecer a cidade, desde o papel da muller no desenvolvemento da Coruña, até os recunchos medievais; ademais de roteiros na natureza, como á visita ao Monte Pindo que terá o 28 de abril.

Xa no mes de maio sucederanse os talleres de parkour, street workout, danza, baile tradicional, improvisación, circo, percusión ou quidditch. Tamén terán continuidade aqueles vinculados á artesanía e á creación, como os de encadernación, caricaturas, deseño e estampación, tinguidura de camisetas, ou cosmética con algas; así como as saídas nocturnas, que se producirán á Torre de Hércules e ao Castelo de San Antón; ou visitas de toda unha xornada a espazos naturais como ás pozas do río Pedras.

Entre as novidades do mes de xuño, estarán ás actividades vinculadas ao ioga tibetano e meditación, cociña thai e biscoitos, origami, audicións guiadas de jazz ou escalada ao aire libre. Comezarán as propostas de inciación ao surf e ao snorkel, humor xestual, break dance, fotografía, canto e pandereita ou creación de pequenos xardíns, ademais de xornadas de xogos de taboleiro ou roiteiros por Oza dos Ríos e o Monte de San Pedro. Finalmente, no mes de xullo, produciranse as saídas de navegación nocturna e diurna desde o porto da Coruña; as clases de pilates, bailes latinos e fotografía nocturna; ou actividades de espeleoturismo na conva do Rei Cintolo, ademais dunha ruta á praia das areas negras de Cedeira.

Inscrición

Como é habitual, o prazo de inscrición abrirase o luns previo á fin de semana de actividade, contra ás 16.00 horas, no espazo web municipal do Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), http://www.coruna.gal/cmix , e pecharase os xoves ás 12.00 horas, ou ata que se esgoten as prazas das distintas propostas. Nesta mesma páxina poderase atopar toda a infomación relativa ao programa de lecer, así como da propia revista de cultura e ocio de Nocturnia, Coruña Mutante, cuxo sétimo número presentou a concelleira. O texto, que contará cunha tirada de 5.000 exemplares, poderase atopar, a partir dos vindeiros días, nos distintos recintos municipais --bibliotecas, centros cívicos, museos científicos, instalacións deportivas, espazos socioculturais como Ágora e Fórum-- e centros educativos coruñeses.

O novo número de Coruña Mutante inclúe, ademais de información e horarios do programa de Nocturnia, contidos vinculados á programación municipal de mocidade, como son o espazo de dinamización xuvenil do barrio da Sagrada Familia MocidadeSF , a axenda musical das vindeiras semanas, o Festival Street Stunts --que se celebrará entre os días 20 e 22 de xullo na Coruña--, ou o proxecto das Naves do Metrosidero, a través dunha reportaxe na que diversos colectivos achegan a súa visión sobre os usos e a xestion do espazo da Comandancia de Obras. Precisamente mañá pola tarde --ás 19.30 horas no centro cívico da Cidade Vella-- a Concellería de Participación organiza unha charla informativa aberta a asociacións xuvenís e cidadanía en xeral para dar a coñecer e iniciar o proceso participativo que definirá os usos do equipamento.