Ferreiro viaxará a Valencia como parte do protocolo asinado para a promoción turística

Imagen de Gabriel Lamela
Autor: Gabriel Lamela / Fecha: Dom, 18/03/2018 - 13:42 / Etiquetas: turismo, fitur, xulio ferreiro, Joan Ribó

Xulio Ferreiroviaxará este domingo a Valencia, onde permanecerá até o luns para reforzar as actuacións que engloba o protocolo de colaboración que asinou o pasado xaneiro en Fitur (Feira Internacinal de Turismo) co seu homólogo nesta cidade, Joan Ribó, e que ten como obxectivo desenvolver actuacións conxuntas de promoción turística.

O rexedor coruñés manterá unha reunión co primeiro edil valencián aproveitando a celebración na cidade das Fallas, considerada Festa de Interese Turístico Internacional. Está previsto, pola súa banda e se así o posibilita a súa axenda, que Ribó devolva a visita este xuño, con motivo da festividade de San Xoán.

O protocolo de colaboración asinado en Fitur entre os respectivos consorcios de turismo de Coruña e Valencia manifestaba a vontade de ambas cidades "de establecer accións que contribúan a acadar mellores resultados en canto ao posicionamento de marca e imaxe de ambos destinos de forma combinada" e que deriven no "incremento de novos e novas turistas".

A conexión aérea con Valencia foi unha das apostas de promoción turística do goberno local que mantén un convenio coa compañía Vueling, que o pasado ano variou a frecuencia dos vóos entre ambas cidades, na busca de horarios que conviñesen mellor tanto aos e ás viaxeiras de negocios, como a aquelas que buscaban o ocio que ofertan as dúas cidades.

A visita de Ferreiro prodúcese unha semana despois de que representantes do Consorcio de Turismo acudisen ao evento Fly Valencia Meeting (organizado na cidade mediterránea pola Confederación de Empresarios de Axencia de Viaxe) co obxectivo de presentar á Coruña como cidade destino dos denominados city break, viaxes turísticos curtos que, segundo o sector, adoitan oscilar entre os 3 e os 5 días. A promoción da Coruña como destino turístico con enlace directo é unha das actuacións recollidas no Plan Estratéxico de Turismo (PET) co que conta o Concello dende o pasado ano.

Ao evento, celebrado en Valencia, asistiron un cento de axencias de viaxe ás que se lles presentou a oferta turística cultural e gastronómica da cidade e nas que se incidiu de xeito especial na conexión directa entre ambas cidades por vía aérea.