Ferreiro viaxa a Canadá para a promoción do Camiño Inglés

Imagen de Gabriel Lamela
Autor: Gabriel Lamela / Fecha: Sáb, 24/03/2018 - 16:18 / Etiquetas: Xulio Ferrerio, turismo, Camino Inglés

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, atópase esta xornada en Victoria (Canadá), onde acudiu, xunto coa xerenta do Consorcio de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, para participar en distintos eventos de cara a afondar e buscar novos mercados para a promoción do Camiño Inglés dende A Coruña.

Está previsto que este sábado, o primeiro edil participe na apertura do congreso de coordinadores da Compañía Canadiana de Peregrinos e Peregrinas (Canadian Company of Pilgrims), entidade que naceu en 1994 e que coordina e ofrece información a todas as persoas interesadas en realizar o Camiño de Santiago nas súas distintas modalidades e itinerarios.

A pasada xornada, o mandatario local mantivo unha reunión coa súa homóloga en Victoria, Lisa Helps, na que destacou “o potencial que representan para o mercado turístico coruñés os e as viaxeiras do país americano”, que conta con vínculos históricos con Galicia a través da emigración, e onde hoxe en día existen distintas asociacións de emigrantes e descendes galegos.

Na reunión, Ferreiro tamén conversou coa responsable municipal “dos desafíos aos que se enfrontan as cidades do futuro”, destacando temas tales como a mobilidade sostible, o coidado ambiental do espazo público e a loita contra o cambio climático e a desigualdade. “Liñas de actuación do goberno da Coruña que vemos que tamén preocupan e están na axenda doutros municipios, como o de Victoria, en Canadá e que reverten de forma directa na calidade de vida da cidadanía, aínda que tamén no atractivo turístico”, explicou.

Por outro lado, o alcalde, que tamén se reuniu na xornada de onte co director executivo do Porto de Victoria, Ian Robertson, e co responsable de Turismo local, Paul Hawes, salientou as similitudes entre Galicia e A Coruña e esta zona do Canadá, “particularidades que tamén son moi interesantes á hora de artellar a estratexia turística”.

Así, non só puxo en valor a compoñente marítima de ambas cidades, senón tamén as súas altas taxas de seguridade, “feito este moi valorado polo turismo que visita A Coruña, segundo os datos que aporta o Plan Estratéxico de Turismo (PET), posto en marcha polo actual goberno local”.

Na xuntanza con Hawes, o alcalde tamén abordou o tema “dos desafíos que teñen ante si as cidades cunha marcada oferta turística por mar” e de como lograr que os e as viaxeiras “que pasan polas nosas cidades durante unhas horas, repitan e permanezan máis tempo nunha segunda visita”.

O Camiño Inglés

Ferreiro salientou o momento no que se produce esta viaxe, algo máis dun ano despois de que o Cabildo de Santiago decidise, a petición do Concello, conceder a Compostela a todas aquelas persoas que realicen o denominado Camiño Inglés, aínda a pesar de que o tramo que separa a cidade herculina de Santiago non chega aos 100 quilómetros.

“Esta viaxe afonda na promoción que estamos a facer do Camiño despois de que, hai aproximadamente un ano acudisemos á Dublin, invitados neste caso pola Asociación de Amigos o Camiño, a Irish Society of St. James”, comentou, á vez que subliñou que, “se trata dunha actuación promocional complementaria, xa que existen moitos vinculos entre a República Irlandesa e Reino Unido coa Columbia Británica”.

Segundos os datos da Oficina do Peregrino, de Santiago de Compostela, Canadá achega, cada ano, máis de 4.000 peregrinos e peregrinas ao Camiño de Santiago.