Turismo promociona o Camiño Inglés en Irlanda

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Dom, 15/04/2018 - 13:49 / Etiquetas: Consorcio de Turismo, lanzada calatayud, Camino Inglés, irlanda

A xerenta do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, participa durante esta fin de semana na primeira edición do 'Celtic Camino Festival', convidada pola 'Camino Society Ireland', asociación irlandesa de amigos do Camiño fundada no ano 1992, organizadora do evento e considerada como unha das máis activas a nivel internacional. A participación do Consorcio de Turismo de A Coruña, indica, “busca reforzar no encontro os novos mercados así como as relacións coas asociacións de peregrinación, de cara a darlle continuidade ás accións de promoción internacional do Camiño Inglés dende A Coruña, que se veñen desenvolvendo dende o ano 2016”.

O encontro irlandés congrega esta fin de semana a máis de 500 persoas en torno ao Camiño Celta, iniciativa creada pola Camino Society , a cal amosou un especial interese en vincular este camiño co Inglés, poñendo en valor as ligazóns histórico-culturais que unen a Galicia con Irlanda. Nas charlas e actividades que tiveron lugar no día de onte participaron expertos e expertas internacionais de recoñecido prestixio en temas xacobeos, entre os que destaca John Brierley, autor das principais guías escritas en lingua inglesa sobre o Camiño, con máis de cen mil exemplares vendidos cada ano.

Durante a súa intervención, Calatayud salientou que “os irlandeses foron o grupo de peregrinos estranxeiros máis numeroso en facer o Camiño Inglés no ano 2017, e polo tanto, en recibir a Compostela”. Segundo os datos actualizados a día de hoxe e facilitados pola Oficina do Peregrino de Santiago, 120 peregrinos recibiron xa a Compostela saíndo dende A Coruña, dos que más dun 25% foron estranxeiros.

A xerenta do Consorcio tamén recalcou que, por primeira vez, e dende este ano, a cidade da Coruña xa aparece nas estatísticas que contabiliza a Oficina do Peregrino. A xerenta de Turismo aproveitou a súa participación neste festival para destacar outras das accións realizadas ata o de agora, como a publicación de guías, mapas e visitas turísticas especializadas nesta nova variante coruñesa do Camiño Inglés, destacando o libro-guía editado polo Consorcio en colaboración coa Deputación, baixo o título A Coruña. O Porto do Camiño de Santiago. Guía para peregrinos , traducida a distintos idiomas e que ten como finalidade poñer en valor a relevancia histórica da Coruña no Camiño.

Esta viaxe institucional ao condado irlandés de Mayo forma parte dunha serie de acción enmarcadas dentro do Plan Estratéxico de Turismo (PET) posto en marcha polo executivo municipal. O Camiño Inglés dende A Coruña foi presentado xa en diversas asociación internacionais dende a organización do I Encontro Internacional do Camiño Inglés, celebrado a finais do 2016 e no que participaron 15 asociacións dos cinco continentes. Dende ese momento, o ente municipal visitou no 2017 á Irish Society of St. James de Dublín, á American Pilgrims on the Camino (Estados Unidos) e á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Hungría; e á Canadian Company of Pilgrims de Victoria (Canadá) neste ano 2018.

A asociación irlandesa ten desenvolvido e oficializado o camiño celta, idea que segundo o responsable da asociación, Jim Mcnicholas naceu no encontro celebrado na Coruña en 2016.