Ferreiro continúa a súa promoción da Coruña e o Camiño Inglés en Canadá

Imagen de Gabriel Lamela
Autor: Gabriel Lamela / Fecha: Dom, 25/03/2018 - 13:14 / Etiquetas: turismo, xulio ferreiro, lanzada calatayud, Camino Inglés

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, afondou esta xornada no traballo de promoción turística da cidade e do Camiño Inglés que desenvolve estes días en Canadá, xunto coa xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud.

Así, tras reuniuse a anterior xornada coa alcaldesa de Victoria, Lisa Helps, así como cos responsables de Turismo Local e do Porto da cidade canadiana, hoxe o rexedor abriu coa súa intervención o congreso de organizadores da Canadian Company of Pilgrims, entidade do país americano de amigos do Camiño de Santiago e que, entre outras funcións, encárgase de asesorar a todas as persoas que desexen facer a ruta a Santiago nos seus distintos percorridos e modalidades.

A delegación coruñesa acudiu a este evento coa intención “de dar a coñecer o potencial turístico do Camiño Inglés” na ruta dende A Coruña, que está recoñecida polo Cabildo dende o ano 2016, a petición do propio concello coruñés. A administración local logrou que os e as peregrinas que inicien o percorrido dende a cidade herculina consigan a credencial da compostela, a pesar de que entre ambas cidades non existen os 100 quilómetros tradicionalmente requiridos.

Esta é a segunda viaxe internacional que o alcalde da Coruña realiza para a promoción do Camiño Inglés. O pasado ano, uns meses despois da consecución da compostela, foi convidado a participar nunha charla na Asociación de Amigos do Camiño de Dublín, a Irish Society of St James, viaxe no que tamén mantivo encontros con distintas autoridades da República Irlandesa como é o caso do alcalde da capital, Brendan Carr.

Ferreiro destacou a importancia “de afondar no proceso de promoción no estranxeiro do Camiño Inglés nestes dous territorios, tanto Irlanda como Canadá, dado o nivel de turistas e de peregrinos e peregrinas que nos visitan cada ano”, así como polos “evidentes lazos históricos que unen a estes territorios entre sí, e aos mesmos con Galicia, en base á emigración”.

Actividades promocionais

O alcalde salientou o traballo que se está a levar a cabo “tanto dende o Concello como, en particular dende o Consorcio de Turismo, para aumentar o coñecemento do Camiño Inglés e da ruta dende A Coruña”, un percorrido histórico que sitou a cidade herculina como o principal porto de entrada de peregrinos e peregrinas ao longo da historia, tal e como demostran os estudos realizados dende o ente municipal.

Eses traballos foron fundamentais á hora de abordar as negociacións co Cabildo que derivaron na concesión da compostela. Ademáis, deron lugar á edición da Guía do Camiño Inglés, documento editado por Turismo da Coruña e que ten como finalidade poñer en valor a relevancia histórica da Coruña no Camiño.

“Trátase dun extenso traballo que dá un percorrido meticuloso pola historia do Camiño Inglés, ruta de enorme tradición que demostra que A Coruña foi o principal porto de arribada e tamén de saída de peregrinos”, indicou a xerenta do Consorcio, Lanzada Calatayud, quen tamén participou no congreso canadiense. A delegación coruñesa aproveitou a viaxe institucional para presentar a citada guía, que está traducida a distintos idiomas, así como outras publicacións editadas na mesma liña.

Na súa intervención, Calatayud destacou outras das accións que o Concello desenvolveu dende 2016 de cara a promoción do Camiño Inglés dende A Coruña, como o mapa da cidade para a peregrinaxe, que destaca os principais lugares relacionados coa ruta xacobea, ou os folletos de información turística, tamén en distintos idiomas, así como a posibilidade de que os e as viaxeiras que así o desexen poidan recibir de forma gratuíta as súas credenciais nas Oficinas de Turismo da Coruña como etapa do Camiño.

“Todas estas actuacións derivaron en que A Coruña figure, por primeira vez desde o pasado ano, nos rexistros da Oficina do Peregrino, en Santiago, como unha das cidades de partida das rutas xacobeas”, indicou, antes de agradecer a colaboración de entidades tales como a propia Canadian Company of Pilgrims ,“que axudaron, co seu apoio e o seu traballo e compilación histórica, a favorecer o posicionamento da Coruña como cidade de saída da ruta do Camiño Inglés”.