A Xunta de goberno local aproba a modificación da ordenanza que permitirá ao Concello actuar sobre as pintadas vandálicas que afectan a espazos particulares de toda a cidade e que revisten interese público

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 03/01/2019 - 19:00 /

A Xunta de goberno local deste venres aprobará a modificación puntual da ordenanza de xestión de residuos municipais e limpeza viaria para posibilitar que o Concello poida actuar de forma subsidiaria na eliminación de pintadas vandálicas existente en espazos privados de toda a cidade que revistan un especial interese público e patrimonial. A proposta de modificación, que deberá ser logo ratificada no vindeiro Pleno municipal, tamén contempla outra modificación que favorecerá, neste caso, que as persoas infractoras poidan permutar as sancións económicas que se lles impoñan polas pintadas por traballos en beneficio da comunidade. A concelleira de Medio Ambiente, María García, recorda que a modificación da actual ordenanza é "unha pata máis dentro do paquete de medidas postas en marcha polo executivo local para actuar, dende distintos ámbitos, contra as pintadas vandálicas".

Concretamente, ademais da modificación da ordenanza de limpeza, o plan integral contra as pintadas vandálicas contempla a identificación das persoas infractoras mediante un traballo de análise grafolóxica, ademais da eliminación das pintadas en zona PEPRI previa solicitude e autorización das persoas propietarias e a mellora do espazo público degradado mediante actuacións artísticas, programa xa en marcha a través da iniciativa RuArte. Ao fío, a titular de Medio Ambiente anuncia que, ademais da tramitación da modificación da ordenanza de limpeza en Xunta de goberno local, o executivo comezará de xeito inminente coa posta en marcha do proceso que derivará na limpeza de pintadas vandálicas na zona de Cidade Vella e Pescaría que pertenzan a particulares, para a que non será necesario agardar á modificación. "Apelando a que se trata dunha das zonas da cidade de maior valor patrimonial, cultural e histórico, ademais dunha zona de gran afluencia de veciñanza e de visitantes, a Concellería de Medio Ambiente, a través do espazo na web municipal, realizará unha convocatoria mediante a cal a veciñanza da zona Pepri poderá solicitar a actuación subsidiaria da administración local para a limpeza deste tipo de pintadas", explica. "A nosa intención é dar unha batida con intensidade e en profundidade, retirando a ampla escala este tipo de pintadas vandálicas", sinala a edil, quen indica que, para levar a cabo este procedemento, é "imprescindible" contar coa autorización das persoas propietarias dos edificios. "O Concello non poderá actuar sobre ningunha pintada nun espazo privado se non conta conta autorización das persoas propietarias, polo que é importante a implicación de toda a cidadanía", apunta a responsable municipal, quen indica que, unha vez aprobada a modificación da ordenanza, o proceso para a eliminación de pintadas vandálicas en zonas de alto interese en toda a cidade seguirá un patrón de actuación similar.

Razón de interese público e traballos comunitarios

"A modificación da ordenanza que nos permitirá actuar en fachadas privadas, tanto de comercios como de particulares, derivará na posta en marcha dun proceso de libre concorrencia no que a persoa interesada solicitará ao Concello a retirada subsidiaria da pintada, que será analizada por unha comisión de valoración", subliña García, quen explica que a proposta de modificación de ordenanza evidencia que a administración local "poderá intervir de modo directo na eliminación e limpeza de zonas afectadas por pintadas" sempre que estas se atopen nas fachadas exteriores de edificios situados en vía pública e "cando pola gravidade da situación concorra unha razón imperiosa de interese público de primeira orde, como é a conservación do patrimonio cultural e artístico".

Por outra banda e no que atinxe á permuta de sancións por traballos comunitarios, a proposta de modificación de ordenanza que mañá se aprobará na Xunta de goberno local contempla que "en función das circunstancias de cada caso, a persoa infractora ou, non seu caso, a representante legal, e o órgano sancionador poidan convir, de mutuo acordo, a permuta das sancións económicas por traballos en beneficio da comunidade". "En todo caso, e por razóns pedagóxicas, cando a persoa infractora sexa menor de idade, as realización destes traballos non poderá exceder as catro fins de semana, sendo o período máximo de realización das medidas dun mes no caso de maiores de idade", aclara a concelleira.