O Concello acorda con Volotea unha nova ruta aérea que conectará todo o ano A Coruña con Bilbao, “un voo estratéxico para a economía da cidade e da súa contorna

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 13/12/2018 - 12:35 /

O aeroporto de Alvedro conectará A Coruña con Bilbao dende o vindeiro mes de abril grazas a unha nova ruta que se suma á oferta na cidade e que estará operada pola compañía Volotea. O concelleiro de Emprego e Economía Social, que tamén é presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, salienta a relevancia "que ten para a cidade a recuperación dunha ruta con demanda e cun importante compoñente estratéxico para a economía da área da Coruña, así como a chegada dunha nova compañía, cunha importante presenza en cidades europeas relevantes, ao aeroporto de Alvedro". A conexión, que comezará no mes de abril, ofrecerá 20.000 asentos distribuídos en dúas frecuencias semanais, os xoves e os domingos, que se manterán todo o ano, "unha característica relevante porque incide na desestacionalización no mercado aéreo da cidade". O acordo, asinado entre a compañía, a Cámara de Comercio da cidade e o Concello da Coruña, ten vixencia por un ano e "vocación de continuidade".

"O aeroporto de Alvedro é unha peza fundamental para economía da cidade e da súa contorna, non só como porta de entrada do turismo, senón como un engrenaxe preciso para manter e permitir o crecemento de moitas outras actividades e a atracción de novos investimentos", manifesta o responsable municipal, que lembra a moción aprobada por todos os grupos municipais no pasado Pleno para solicitar a Aena que revise á alza as previsións de crecemento da terminal contempladas no seu Plan Director e que poña en marcha os investimentos necesarios para mellorar o aeroporto. "Alvedro está xa por riba dos números anuais que estima o ente aeroportuario. Con esta nova ruta e as perspectivas de crecemento nas que estamos traballando, faise máis evidente aínda que as estimacións de Aena non están axustadas á evolución real do tráfico da terminal. Precisamos que as instalacións de Alvedro estean tamén á altura do seu crecemento e que se adapten ás necesidades deste volume real de pasaxeiros, que en outubro xa superaba os 1,2 millóns". O edil sinala que o Goberno local, tras conseguir atraer a unha nova compañía a Alvedro, continúa a traballar para incrementar as conexións e as frecuencias do aeroporto, que reforza este ano as rutas con Barcelona, que ten unha gran ocupación, e Sevilla, prolonga os voos ás illas (Mallorca, Tenerife e As Palmas) durante todo o ano e mantén outras conexión relevantes para a cidade como Madrid, ou o aeroporto de Heathrow, en Londres, "que, xunto con Barcelona, son tres grandes nodos para as conexións co resto do mundo". "As cifras rexistradas polo aeroporto de Alvedro no mes de novembro indica que o seu crecemento anual está ao 7,4%, un ritmo maior que calquera das outras terminais de Galicia. Un incremento que ten moito que ver coa ampliación da oferta e coa puxanza do primeiro motor económico de Galicia", analiza.  

A apertura da ruta realizarase o 4 de abril co voo Bilbao - A Coruña, que terá a saída ás 13.10 horas todos os xoves e os domingos. O sentido A Coruña - Bilbao voará os mesmos días ás 14.40 horas. "A Coruña é unha prioridade para Volotea en 2019, onde comezaremos a voar conectándoa con Bilbao, nomeada este ano Mellor Cidade Europea e unha das nosas trece bases operativas. Alvedro ten excelentes posibilidades de crecemento e vemos esta ruta exclusiva como o noso primeiro destino dende A Coruña con vocación de poder incrementar pronto a nosa oferta. Os voos directos con Bilbao permitirán mellorar os intercambios comerciais, empresariais e turísticos entre estas importantes cidades e por este motivo tamén é unha noticia moi ben recibida en Bilbao", explica Carlos Cerqueiro, Director de Desenvolvemento Corporativo e Comunicación de Volotea.