A Concellería de Culturas celebra este venres o 70° aniversario do Teatro Colón con actividades que poñen en valor "un espazo emblemático da vida artística coruñesa

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 13/12/2018 - 12:36 /

O Concello da Coruña celebrará este venres, día 14, o 70° aniversario do Teatro Colóncunha programación especial na que fará un percorrido pola historia do recinto e proxectará unha das películas que se exhibiron durante o seu primeiro ano. O edil de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, salienta que esta Homenaxe 70 anos do Teatro Colón será unha ocasión "para dar a coñecer as potencialidades dun espazo emblemático, un dos piares da vida social, artística e cultural da Coruña do último século, e sobre o que o goberno local ten previsto dotar de ferramentas para crear e xerar novos procesos artísticos".

A programación comezará ás 18.30 horas, cunha serie de visitas guiadas polo equipamento. A partir das 20.30 horas comezará o evento, cunha mesa redonda na que se fará un percorrido pola historia do Colón. Neste espazo participarán a actual directora, Bettina Kohlhaas, e o primeiro xerente do recinto, Luis Seoane Seijas; ademais do arquitecto responsable da obra de remodelación, Cristóbal Crespo, o produtor cinematográfico Javier Ozores Marchesi, e unha representante da familia promotora do recinto, Isabel Rey. De seguido, proxectarase unha das películas que formaron parte da carteleira do Colón no ano 1947, como é Carta de una desconocida, de Max Ophüls.

A entrada á Homenaxe 70 anos do Teatro Colón será de balde, previa retirada do convite no despacho de billetes do teatro da avenida da Mariña, o propio venres 14, a partir das 18.30 horas. Para máis información sobre o equipamento e a súa programación habitual, pódese consultar o espazo web www.teatrocolon.es.