O Goberno local aprobará os orzamentos a vindeira semana na Xunta de Goberno para levalos axiña a Pleno ante a negativa do PSOE a acordar o proxecto, o que supón "o segundo erro dos socialistas coa Coruña nunha semana"

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 17/01/2019 - 17:07 /

O Goberno local levará os orzamentos a Pleno, para o que aprobará a vindeira semana o proxecto na Xunta do Goberno Local. O alcalde, Xulio Ferreiro, anunciou esta mañá que o Concello continuará a tramitación dos orzamentos despois de que o grupo socialista fixese pública a súa negativa a acordar a proposta co executivo municipal. "Para isto non facía falta agardar tres meses, nin pedir reunións nin máis documentación porque a decisión estaba tomada hai tempo e se lle fixo perder ao Concello e á cidade un tempo valioso", manifestou o primeiro edil. Para Ferreiro, esta decisión supón "o segundo erro do Partido Socialista nunha semana coa Coruña, o primeiro os orzamentos que presentan en Madrid e que esquecen A Coruña e o segundo este intento de bloquear a posibilidade que haxa orzamentos na cidade este ano". Unha determinación, lembrou Ferreiro, que significa que proxectos como a demolición do viaduto da rolda de Nelle ou a piscina do Castrillón "demoren un ano máis". "Creo que é un erro, un erro clarísimo. Non sei se alguén que pensa que electoralmente vai gañar algo, e pon os intereses do partido por diante da cidade", censurou o rexedor, que, lembrou "aínda hai unha oportunidade de que o Partido Socialista rectifique", na votación dos orzamentos no Pleno.

Ferreiro considerou que os orzamentos que vai presentar o Goberno local son as contas que "a cidade precisa neste momento", e que "falan unha vez máis de incremento no benestar das persoas e políticas activas de emprego". "O Concello da Coruña incrementou progresivamente nestes catro anos o gasto social, somos o concello de Galicia co maior gasto social por habitante", lembrou. As novas contas inclúen tamén 1,8 millóns de euros máis que no pasado ano para emprego, grazas á captación da subvención do Fondo Social Europeo para o programa Coruña Suma, que se aproxima aos cinco millóns de euros. "A nosa intención é presentalos e explicalos e que a xente vexa a que se está dicindo que non e por que", remarcou.

"Resúltame estraño que o Partido Socialista hai un par de semanas puxese o grito no ceo, e o PP e o BNG, porque a Lei de Facendas Locais nos impedise levar 15 millóns ao orzamento de 2019 e dúas semanas despois dea igual que 25 millóns de euros para investimentos queden no caixón", censurou. Ferreiro explicou que, cuns orzamentos prorrogados, non se podería estender o gasto de 25 millóns de investimentos e achacou a un "descoñecemento da realidade municipal pensar que a través dun modificativo se poden sacar 25 millóns de euros de gasto comprometido".  Ao fío, o alcalde quixo aclarar que, se non é posible aprobar a proposta do Goberno local para os orzamentos, realizaríase un modificativo para "atender ás entidades sociais". Entre os aspectos que se verían afectados pola prorroga das contas, o rexedor tamén mencionou os proxectos financiados con fondos Eidus, dos que só se podería executar a parte que ten cartos consignados no orzamento de 2018 e "sufrirían un atraso", ou o aumento de 3 millóns na partida para persoal. "As razóns para que se aproben os orzamentos son moitas e non teñen que ver con maio, teñen que ver coa cidade, co agora e coa situación de moitas persoas e de moitos investimentos".

O alcalde lamentou que "un momento no que estamos tendo bos datos económicos na cidade  haxa xente que non queira axudar a que vaia aínda mellor". "A cidade medrou porcentualmente na afiliación á seguridade social, pechando o 2018, no mes de decembro, como a primeira cidade de Galicia en número de afiliacións", explicou Ferreiro, cun total de 137.834 persoas. Ao fío, o rexedor lembrou que os datos tamén sinalan que A Coruña experimentou o segundo maior crecemento anual dun municipio galego no 2018, cun aumento do 3,09%, e que acadou o maior número de afiliacións, en termos absolutos, desde xuño de 2015, cun total de 12.499 incorporacións. "Neste mandato, A Coruña é a segunda cidade de Galicia que máis creceu en número de afiliacións, até acadar un 9,97%", apuntou.

Ao fío, o alcalde destacou o crecemento económico destes últimos anos, nos que tamén aumentou o PIB municipal no período 2014-2016, que ascendeu até os 6.526.579 euros, o que supuxo un aumento dun 8,53% nestes dous anos.

Cidade das TIC

Por outra banda, o alcalde salientou a súa satisfacción polo respaldo do Ministerio de Defensa ao proxecto da Cidade das TIC nos terreos nos que se atopa a Fábrica de Armas, cuxa actual concesión está rescindida, e que supón que as instalacións carezan de proxecto na actualidade.  "A disposición de Defensa ante a proposta foi máxima, coa intención de dar luz verde á nova concesión o antes posible", dixo Ferreiro, quen sinalou que se constituirá unha comisión técnica, entre Universidade, Concello e o Ministerio, "para buscar a fórmula xurídica concreta para dar saída a esa concesión e poder seguir avanzando no proxecto". A valoración do rexedor chega logo da xuntanza que onte mantivo en Madrid co secretario de Estado de Defensa, Ángel Olivares, xunto ao concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a subdelegada do Goberno en Galicia, Pilar López-Rioobo, e o deputado Ricardo García Mira, ademais de representantes do cadro de persoal da fábrica de armas.

"Tanto o Concello como a Universidade trasladamos onte ao Ministerio que estamos en perfecta sintonía para lanzar este proxecto, un ecosistema que aúna os intereses de investigación e formación, e de transferencia de coñecemento, coa creación de empresas ou consolidación de iniciativas empresariais xa existentes vinculadas ao sector TIC", explicou Ferreiro, quen advertiu de que a creación desta proposta "favorecerá a instalación de novas empresas e start-up, ademais da captación doutras do sector que estean a buscar novas localizacións". "A Coruña aposta polo tecido produtivo innovador e vinculado ás tecnoloxías da información, que xa ten unha importante base que conta con máis de 3.000 empregos na actualidade no termo municipal", explicou. Ao fío, o alcalde lembrou que a iniciativa tamén favorecerá a transferencia de coñecemento e consolidación de solo industrial "vinculado á tecnoloxía".