O goberno local presenta os proxectos de trazado para os accesos á Intermodal, que permitirán iniciar as necesarias modificacións do planeamento urbanístico

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 21/02/2019 - 09:33 /

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, presentou este mércores os proxectos de trazado para os accesos á futura estación Intermodal, levados a cabo polo Concello da Coruña en consonancia cos tempos acordados a finais do ano pasado co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF). O edil salientou que estes proxectos básicos permitirán ao goberno local iniciar as pertinentes modificacións de planeamento, necesarias para acometer os proxectos constructivos e as posteriores obras. O executivo prevé levar a cabo actuacións por un valor conxunto de 4,4 millóns de euros tanto nas avenidas do Ferrocarril e da Sardiñeira, como no ámbito do polígono da Sardiñeira coa avenida de Arteixo. O responsable municipal salientou que, se ben se trata de tres intervencións distintas, todas contan con nexos comúns: "Servirán para resolver os problemas de fluidez de tráfico rodado da zona, ademais de para mellorar a conectividade para peóns e para bicicletas, a humanización e a urbanización destes tres espazos". "Ademais, aproveitarase para optimizar a conectividade entre as beiras da estación e as intervencións previstas servirán para acometer unha revisión inicial do esquema circulatorio, creando unha estrutura viaria que se adapte, tamén, á xestión do transporte público urbano", engadiu Varela, que tamén chamou a atención sobre o feito de que estas actuacións, competencia municipal dentro do proxecto da Intermodal, "serán fundamentais para a mellora da mobilidade rodada para os barrios de Vioño e os Mallos, así como para as entradas e saídas da cidade".

O titular de Rexeneración Urbana aclarou que os proxectos --presentados esta mañá ante a prensa e, antes, a representantes da asociación veciñal de Sagrada Familia, Mallos e Estación e da asociación de comerciantes Distrito Mallos-- son de trazado. "Os construtivos iranse desenvolvemento mentres se van realizando as modificación de planeamento", explicou, para manifestar que o Concello tomou a determinación de iniciar o proceso de modificación urbanística cos recursos cos que conta como administración municipal, de cara a axilizar a tramitación. "Podiamos usar esta vía, ou ben avogar pola tramitación exprés a través da Xunta de Galicia, pero finalmente optamos pola primeira opción, tendo en conta que a administración autonómica precisa aínda de aproximadamente un ano para definir o seu proxecto da estación de buses", comentou. O edil indicou que "se non hai ningunha incidencia, a modificación de planeamento podería estar executada en ano e medio". Con todo, evidenciou que "o Concello tamén depende da dilixencia da Xunta neste caso, xa que deberemos contar con informes sectorais para acometer as modificacións puntuais do PXOM". "En calquera caso, neste momento estamos en disposición de incoar o proceso de modificación de planeamento mentres que, ao tempo, definiremos os proxectos de execución conforme aos do trazado", resumiu.

Por outro lado, Varela evidenciou a compatibilidade dos proxectos de trazado para os accesos co resto de actuacións que, no caso da Intermodal, deben levar a cabo as administracións autonómica e estatal. "Os nosos proxectos están coordinados con ADIF e, ademais, son compatibles co ámbito de intervención da Xunta de Galicia", comentou o responsable municipal, que especificou, non obstante, "que a ampliación e mellora da avenida da Sardiñeira, en todo caso, poderá executarse unha vez estea lista a estación de autobús, competencia do goberno galego".

Proxectos de trazado

O proxecto para a avenida do Ferrocarril ten unha previsión de orzamento básico de licitación de 1.229.000 euros. Segundo indicou o concelleiro, trátase dunha proposta totalmente consensuada con ADIF que, entre outras cuestións, prevé a construción dunha rotonda no cruce de General Rubín coa avenida do Ferrocarril, ademais da mellora da actual rotonda en Marqués de Figueroa. Destaca ademais, neste ámbito, o traballo de axuste para a configuración dunha zona de marquesinas así como o espazo de acceso ao aparcamento e de entrada e saída "unha sorte de zona de parada onde deixar á xente que vai facer uso da Intermodal". "Este ámbito contará, ademais, cun espazo de aparcamento para bicicletas privadas que estará localizado dentro do recinto da estación de tren e que conseguimos sacar adiante grazas á interlocución con ADIF", apuntou Varela, que salientou que este ambito tamén contará cun túnel que comunicará a avenida do Ferrocarril co aparcamento que está debaixo da estación de autobuses.

O proxecto da avenida da Sardiñeira suma 1.248.000 euros e pasa por "converter nun bulevar o que a Xunta, nun inicio, pretendía que fose simplemente un talude". Un grande paseo no barrio dos Mallos, por riba da zona de vías da estación, despexado, soleado e con arborado, favorecendo a humanización do espazo. "A verdade é que na zona onde nun primeiro momento, coa proposta inicial da Xunta, prevíanse máis conflitos e situacións de inseguridade viaria, o Concello deseñou unha alameda tranquila, un balcón sobre a Intermodal", manifestou o edil. "Proxectamos unha plataforma horizontal de case 400 metros de longo sobre a estación de autobuses, unha sorte de mirador sobre a cidade e sobre a Intermodal na que se evitan os cruces transversais, se mantén o arborado existente e se amplía a beirarrúa en seis metros", dixo.

Por último, Varela deu conta da terceira intervención prevista no ámbito do polígono da Sardiñeira, que ten un orzamento estimado de 1.882.000 euros e contempla a construción dunha rotonda na avenida de Arteixo, que mellorará as conexións rodadas do entorno. "A nova rotonda solucionará problemas de mobilidade do propio barrio e servirá para conectar as zonas de Vioño e dos Mallos, unha solución moi demandada pola veciñanza", indicou. "Os buses metropolitanos chegarán á Intermodal pola avenida de Arteixo, atravesarán o polígono da Sardiñeira con este novo vial con rotonda e accederán á parte dos buses", explicou.