O Concello acomete desde hoxe os traballos de mellora e ampliación da iluminación de Matogrande

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 22/10/2018 - 08:33 /

A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda inicia hoxe as obras de renovación e ampliación do alumeado público do barrio de Matogrande, unha actuación que conta cun orzamento de 210.000 euros e que, cunha duración prevista de dez semanas, estará finalizada antes de final de ano. O proxecto, que como indica o concelleiro desta área, Xiao Varela, terá un impacto importante no uso do espazo público por parte das veciñas e os veciños, contempla a substitución de 110 luminarias antigas -a maioría delas, con máis de 20 anos de antigüidade-, así como a instalación doutros novos puntos de luz en zonas que na actualidade carecen dela. As novas luminarias estarán dotadas de tecnoloxía LED de última xeración que, segundo destaca o responsable municipal, permite reducir o consumo de enerxía nun 45%, "cun aforro anual aproximado de 12.000 euros". Ademais, e como tamén salienta Varela, os novos puntos de luz reducen os custos de mantemento e melloran os niveis de iluminación existentes, "contribuíndo en gran medida a reducir a contaminación lumínica no barrio, cunha maior homoxeneidade no reparto de luz".

A obra adxudicada contempla a dotación de alumeado público a espazos de recente creación no barrio, como é o caso do camiño peonil do extremo suroeste, entre a avenida de Alfonso Molina e a rúa Enrique Mariñas, ou dúas áreas de xogo infantil situadas, como a que existen nun extremo da nomeada senda e ao carón do centro de saúde, lugares onde, xunto coa instalación da iluminación, levaranse a cabo as correspondentes obras de canalización, cimentación e restantes accións previas á colocación das columnas e luminarias. O proxecto tamén inclúe unha sistematización dos centros de mando de iluminación, cuxa renovación permite reducilos de 5 a 2. Estes estarán dotados dun sistema de telexestión que permitirá a monitorización, control e xestión centralizada das instalacións.

Os traballos forman parte do paquete dos Investimentos Financeiramente Sostibles (IFS) negociados durante o pasado exercicio, e que se realizan con cargo aos remanentes municipais. Unha vez se proceda á renovación dos puntos de luz existentes e á implantación doutros novos que teñan en conta os novos espazos públicos cos que conta o barrio, Matogrande disporá de 188 puntos de luz.