O goberno local inicia os trámites precisos para a eliminación total do copago no servizo de axuda a domicilio, en todas as súas modalidades a para todos os tramos de renda

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 18/12/2018 - 20:19 /

O alcalde, Xulio Ferreiro, anunciou este martes, acompañado pola concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, que o goberno local vén de iniciar os trámites pertinentes para a eliminación total do copago no servizo de axuda no fogar, nas súas tres modalidades (básica, dependencia e sociosanitaria) e para todos os tramos de renda. "As familias das persoas con dependencia teñen que soportar gastos adicionais para alcanzar un grao de cobertura suficiente das necesidades básicas. Levan moitos anos soportando as consecuencias da crise e dos retrocesos na protección social, polo que cremos que é unha obriga das administracións reverter esta situación. Na Coruña ímolo facer. Acabar co copago na atención a domicilio é un compromiso deste goberno municipal no que se leva traballando moitos meses para poder armar a acción xuridicamente e elaborar un expediente do que se van beneficiar moitas familias desta cidade", comentou o rexedor, no marco dunha visita ao centro de día Boandanza. Para poder posibilitar a fin do copagamento, é necesario que o Concello mude a ordenanza fiscal número 18, a que regula a taxa por prestación do servizo do catálogo de atención domiciliaria. Con este obxectivo, esta mesma mañá o executivo municipal remitiu ao Tribunal Económico Administrativo Municipal (TEAM) o expediente de modificación da citada ordenanza. Unha vez se teñan os pertinentes informes así como a resolución como do propio TEAM, a proposta pasará por Xunta de goberno local e por comisión informativa para, en última instancia, ser aprobada polo Pleno municipal. Precisamente co obxectivo de garantir a aprobación da modificación da ordenanza na Cámara municipal, o alcalde convocou aos grupos municipais de PSOE e BNG a unha reunión o vindeiro xoves destinada a abordar a cuestión.

Tanto Ferreiro como Cameán salientaron que a axuda a domicilio, servizo de carácter esencial, básico e normalizador para as persoas que se atopan nunha situación de dependencia, atende anualmente a unha media de 1.400 persoas na cidade. "Aproximadamente o 73% das mesmas son mulleres", salienta a titular de Xustiza Social, que indica que, ademais, o 80% das persoas perceptoras teñen unha capacidade económica inferior aos 1.300 euros ao mes. "A media das rendas ronda os 980 euros ao mes, un dato especialmente relevante se ademais, como digo, temos en conta que o 73% das perceptoras son mulleres e que as súas rendas son, de forma maioritaria, inferiores ás que perciben os homes", dixo. "Actualmente, a meirande parte das persoas usuarias sitúanse nos tramos de rendas medidas e baixas. Non é de recibo que sigan pagando por un servizo de carácter esencial", remarcou o primeiro edil.

"Hoxe vamos dar inicio ao cumprimento dunha medida máis de carácter social, unha medida que creo que nos converte, sen dúbida, na cidade que máis aposta polas políticas sociais. Os datos están aí: o Concello da Coruña inviste máis de 100 euros por habitante en políticas sociais, algo que lle queda moi lonxe a moitas outras cidades deste país. Chegamos a esta corporación co compromiso de poñer a institución do lado das persoas que máis a necesitan, e quen máis a necesita son as persoas que atopan nunha situación de vulnerabilidade social, persoas con poucos recursos que antes non podían acceder gratuitamente ás escolas infantís municipais e agora si, as persoas que teñen dependentes a cargo ou propias persoas dependentes... Hoxe damos un paso máis para facilitar a vida no que é un dereito que debe ser entendido universal, como a sanidade ou a educación", comentou Ferreiro.

Tal e como apuntou o alcalde, coa situación actual, o Concello viña recadando polo copago arredor de medio millón de euros anuais, mentres que o total do investimento que realiza a administración local, tendo en conta as axudas do plan concertado da Xunta de Galicia, chega aos sete millóns de euros. Asumir o copago podería solventarse, unha vez modificada a ordenanza reguladora, cun incremento orzamentario para este servizo.