Mobilidade destaca que o aumento da conectividade do bus urbano dende o Materno cara aos barrios da cidade “dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza”

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 30/10/2018 - 10:25 /

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, salientou a normalidade coa que discorre a primeira xornada de aplicación dos cambios introducidos nas liñas de transporte urbano 12, 12A e 17, que pasan a ter a súa cabeceira no Materno Infantil, de forma que o Concello amplía de forma notable a conectividade con este centro hospitalario. O edil, que fixo unha comprobación in situ, salientou que, segundo as conversas mantidas esta mañá tanto coa Compañía de Tranvías como coa propia Xerencia do Sergas, "a ampliación dos percorridos destas tres liñas de bus, así como a modificación do percorrido dos buses que paran no CHUAC, estase a levar a cabo sen incidencias reseñables, as habituais neste tipo de modificacións". "Os despistes que se poidan producir por parte de usuarios iranse reducindo nos vindeiros días", dixo o responsable municipal, que puxo en valor a importancia "do aumento de conectividade do Materno Infantil". "Aplicamos un cambio demandado e de xustiza nestas liñas, favorecendo a conexión dos barrios da cidade con este importante equipamento", explicou Díaz Grandío, que incidiu, ademais, en que "a modificación de paradas en todas as liñas que chegan ao Hospital Universitario, que deixan de facer un percorrido ao redor do centro sanitario, favorece tamén a operatividade dos vehículos de emerxencias que saen e entran ao Chuac".

Grandío comentou que "as paradas de bus contan xa con información actualizada do novo trazado das liñas", aínda que, de cara a reforzar o seu coñecemento, "a Policía Local estará especialmente presente neste ámbito durante estas xornadas". "A Concellería de Mobilidade Sostible está a colaborar estreitamente cos servizos de seguridade municipais xa que, tan importante como ampliar as liñas de bus e dar servizo á poboación, é que os e as usuarias dos vehículos privados aparquen nas zonas habilitadas", destacou. "É preciso que os e as condutoras sexan conscientes da necesidade de respectar os espazos tanto do transporte público como dos vehículos de emerxencia. Ademais do labor que está a desenvolver a Policía Local, está previsto afianzar nos próximos días a sinalización horizontal e vertical na zona para erradicar as prácticas de mal aparcamento", anunciou.

Modificacións

Até esta xornada, tan só dúas liñas de autobús, a 20 e a 22, ambas circulares, chegaban ao hospital Materno. Agora, ademais destas, o espazo hospitalario queda unido co resto da cidade a través das liñas 12, 12A e 17, de forma que se gaña conectividade directa co barrio de Monte Alto, ademais de coa rolda de Nelle, Labañou, Catro Camiños, a zona baixa dos Rosais, a rolda de Outeiro e Os Castros.

Por outro lado, e de cara a favorecer a circulación dos vehículos de emerxencias no entorno do CHUAC, prodúcese a modificación das liñas que chegan ao Hospital Universitario da Coruña. Desta forma, a parada número 58, denominada Chuac-Urxencias, queda eliminada, xa que as diferentes liñas farán agora a súa parada na 59, Chuac-Glorieta. Pola súa banda, os autobuses 12, 12A e 17 contan dende hoxe con paradas na 275, Avenida da Pasaxe-Gasolineira, e na 293, Avenida da Pasaxe-Materno Infantil, que pasará a ser a de inicio do percorrido das liñas.