O Concello reúnese para avanzar no proceso de execución do Proxecto EIDUS

O alcalde, Xulio Ferreiro, así como o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, e a concelleira de Medio Ambiente, María García, participaron este venres, xunto con persoal técnico municipal, nunha xornada de carácter interno destinada a avanzar no proceso de execución do proxecto Eidus Coruña, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Nela, o rexedor recordou que o proxecto EidusCoruña “ten como finalidade a conversión da nosa área nun espazo de maior calidade urbana, equilibrio económico e social, inclusivo e integrador, ambientalmente sostible e cunha marcada igualdade de xénero”.

Entre as accións contidas dentro do Eidus Coruña salientan aquelas que influirán no cambio do modelo de mobilidade cara a un sistema sostible e máis amable co tránsito a pé e coas formas de transporte non contaminantes. Atópase neste apartado, por exemplo, o ambicioso plan de renovación e ampliación de BiciCoruña, que ten como finalidade que a cidade conte con 46 estacións de aparcamento, así como cun parque de 500 bicicletas de alugueiro, a metade delas eléctricas, así como as actuacións encamiñadas á mellora da accesibilidade en Cidade Vella e Pescaría. No ámbito dos servizos sociais e a loita contra a desigualdade, o plan de execución tamén contempla a posta en marcha dun segundo centro social de baixa esixencia, e tamén inclúe un paquete relevante de medidas ambientais.