O Concello rexeita a blindaxe dos convenios urbanísticos de 2004

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Sáb, 21/04/2018 - 16:45 / Etiquetas: concello da coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Fomento, Puertos del Estado

O goberno municipal da Coruña pronunciouse hoxe totalmente en contra da oferta pactada pola Xunta de Galicia, Puertos del Estado e o Ministerio de Fomento para blindar os convenios urbanísiticos de 2004 e salvar así, según eles, a operación especulativa nos peiraos de San Diego, "argallada de costas á cidade, ás súas institucións e a súa xente".

O executivo local anticipa que, nesas condicións e co contido do convenio que se propón, o Concello da Coruña non adquirirá cota de propiedade dese condominio. O consistorio municipal convida ás administracións estatal e autonómica, gobernadas polo Partido Popular, a rectificar agora que aínda están a tempo: aproveitando que o convenio non está asinado, deben deixar sen efecto, con carácter inmediato, o polémico protocolo e retomar as conversas co Concello.

O executivo local considera que calquera negociación sobre a fachada litoral da Coruña debe partir de tres permisas que son irrenunciables: a revisión dos convenios de 2004, o tratamento da beira atlántica no seu conxunto, non troceada, e a garantía da titularidade e o uso públicos de todos os terreos portuarios.

O goberno municipal lembra tamén que aínda non recibiu resposta nin da Xunta nin do Ministerio de Fomento á súa proposta de protocolo, enviada e comunicada no mes de outubro a ambas institucións, nin ao convite realizado aos seus dirixentes para participar os vindeiros días 27 e 28 de abril no Foro Cidadán Tecendo Litoral, un espazo de reflexión aberto á cidadanía para abordar o futuro do bordo litoral, e no que o executivo municipal exporá a súa proposta para os terreos portuarios así como o resultado da investigación levada a cabo nestes meses dentro do proceso Tecendo Litoral.

A inscrición para participar no mesmo pódese realizar a través da páxina web municipal: www.coruna.gal/tecendo-litoral/gl.