A concelleira de Facenda urxe ao PSOE a facer as súas propostas para os Orzamentos de 2019 e lémbralle que o grao de execución durante este mandato é superior ao do bipartito

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 04/01/2019 - 09:47 /

O goberno local vai pechar o exercicio 2018 cun grao de execución orzamentaria global por enriba do 81,33%, unha porcentaxe superior á media dos dous últimos mandatos, que foi do 75,8% entre 2007 e 2011, co PSOE e o BNG á fronte do executivo, e do 80,19% entre 2011 e 2015, mentres gobernou o PP con maioría absoluta. Así o sinala a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, quen instou esta mañá ao grupo municipal do PSOE, que xa mantivo varias xuntanzas co goberno municipal e que conta dende o pasado 21 de decembro coa documentación completa do proxecto orzamentario, a "non desaproveitar a oportunidade e facer canto antes as súas propostas para 2019. Aprobar os orzamentos é a mellor maneira de asegurar que A Coruña conta cos investimentos que necesita".

"Esperamos que non busquen escusas e encaren esta negociación de forma construtiva para que non se reediten situacións como as vividas en anos anteriores ou como a que acaba de producirse en Compostela, onde a veciñanza é a única prexudicada", engade a edil. "Ademais de contar coa documentación completa, nas semanas previas xa mantivemos varias xuntanzas, así como contactos bilaterais desde varias áreas de goberno con edís do PSOE para trasladar as cuestións principais de cada concellería, aclarar dúbidas e recabar as súas propostas a incorporar ao documento", indicou. "Agardamos dos e das socialistas coruñesas que sexan capaces de facer unha lectura audaz do escenario político actual e que traballen polos intereses da cidadanía, que merece uns orzamentos e un goberno de progreso", engadiu.

Segundo os datos que manexa a Concellería de Facenda, a execución orzamentaria global en 2007 foi do 73,5%, mentres que en 2008 foi dun 72,27%, no 2009 do 78,29% e en 2010 do 79,11%. "Desta forma vese ás claras que durante os anos do bipartito na cidade os datos totais de execución orzamentaria non superaron en ningún caso o 80%. Por contra, e a pesar da especialmente tardía aprobación do presupostos durante os exercicios 2016 e 2017, as cifras do actual goberno local son máis altas, cunha media do 80,35%", salientou Vieito.

"Convidamos ao PSOE a que se poña a traballar canto antes, se verdadeiramente ten intención de facer achegas que contribúan a mellorar un orzamento municipal que a cidade necesita. Regresar ao acontecido en 2016 sería un inmenso erro", advertiu a titular de Facenda. "A realidade é que cun orzamento aprobado a tempo, os datos do goberno local son notables. O ano pasado, coa contas en vigor no mes de febreiro, conseguimos unha execución de capítulo VI dun 47,65%, superior, por certo, ao acuñado polo bipartito en 2007, 2008 e 2011", evidenciou. "En todo caso, a cidadanía non está pensando nos datos de execución de anos anteriores, a cidadanía está esperando que aprobemos orzamentos. O goberno local xa ten o seu proxecto listo. Agora a cidade espera polo PSOE e polas súas achegas, se é que as ten", declarou.