O goberno local dará luz verde mañá ao proxecto de reforma do edificio do Remanso

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 05/10/2018 - 11:38 /

O goberno local da luz verde este venres ao proxecto de reforma do edificio do Remanso, un "paso decisivo de cara a acometer o proceso que derivará na licitación e posterior posta en marcha das obras" que servirán para que a cidadanía recupere un espazo público de carácter polivalente que responda ás demandas de infraestruturas sociais da veciñanza e que está especialmente pensando para a mocidade e os colectivos informais. O proxecto prevé un orzamento base de licitación de algo máis de 423.000 euros. A concelleira de Participación, Claudia Delso, amosou a súa satisfacción por que o proxecto do Remanso conte xa non só cun proxecto redactado e aprobado, senón con todas as autorizacións sectoriais pertinentes. A este respecto, o titular de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, aludiu á complexidade que derivaba do feito de que o futuro equipamento se atopa na zona de afección do Camiño de Santiago. "Por este motivo, as obras comprendidas no proxecto de reforma tiveron que contar coa autorización de dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia", dixo, á vez que recordou que, de forma paralela á elaboración do proxecto técnico, o goberno local tramitou todos os necesarios cambios de planeamento para poder axustalo á normativa urbanística. "Algo que non ocorría, por certo, co proxecto que tiña o executivo municipal do PP", evidenciou.

Deste modo, a Xunta de goberno local de mañá non só aprobará o proxecto de reforma do pavillón, senón que tamén encomendará a redacción da acta de replanteo do proxecto, de acordo coa actual Lei de Contratos do Sector Público.

O proxecto debuxa un edificio que se distribúe en dous andares, que compoñen dúas salas de forma regular duns 80 metros2 cada unha, con entradas independentes desde o exterior e vestíbulos de 20 m2 máis adosados cada unha delas, que poden funcionar como ampliación da mesma, ademais dunha estancia de servizo, para acopio de mobiliario e outros servizos que amplían e axilizan a versatilidade das salas. Ambas contan con baños, accesos mediante ascensor e escaleiras e, como subliñou Varela, están deseñadas para ser o máis polivalente posible, de xeito que poidan funcionar de maneira independente ao mesmo tempo. Para iso, contan tamén con illamento acústico, que permite a actividade simultánea.

A titular de Participación salienta que o proxecto prevé tamén un espazo flexible que, polas súas características, poderá ser usado tanto por persoas individuais como por colectivos informais e entidades sen ánimo de lucro, de xeito que poida dar cabida tanto a actividades puntuais como de tipo regular.

O proxecto tamén contempla a intervención no exterior do actual edificio, equipamento que trata de ter o menor impacto visual posible sobre a praza, reducindo o volume construtivo con respecto á edificación actual para dar máis relevancia á zona verde e reducir a afección ao Camiño de Santiago. O proxecto elimina a cuberta actual a dúas augas e mantén a pérgola de formigón existente na praza, que se sanea e se dota, nunha zona, dunha cuberta de vidro. O proxecto tamén prevé a reconfiguración e acondicionamento da parada de buses, así como avoga por dotar o entorno de accesibilidade mediante a substitución das escaleiras da parte máis próxima á fonte de Catro Camiños por ramplas. "O proxecto tratou en todo momento de respectar e aproveitar a infraestrutura existente, conseguindo custos moi inferiores aos do proxecto do anterior goberno, que superaban o millón de euros", apuntou o concelleiro.